Opinión

Renunciou Esquerra Republicana ao independentismo?

Calquera que estude un pouco a serio os procesos de secesión sabe que non son procesos doados e que non admiten a unilateralidade, polo menos na nosa contorna. Un territorio que se secesione precisa cando mínimo do recoñecemento de outros estados e da admisión en organismos internacionais. De non ser así ficase nunha sorte de limbo legal como Palestina, Taiwan, Trandsnistria ou Osetia do sur. Todo é solidariedade pero a hora da verdade con poucos efectos se practicou e seus cidadáns pagan as consecuencias. Este recoñecemento dáselle normalmente a aqueles novos estados que xorden despois dun proceso pactado e seguindo as normas internacionais, como foi o caso de Chequia, Eslovaquia ou Montenegro, ou como sería o caso da Escocia de trunfar no seu referendo. Isto é as secesións non son a vontade e aínda que os cataláns (con pleno dereito) votasen a súa secesión non valería de nada sen algún acordo co Reino de España. Isto non é sinxelo pero pode ser conseguido con certa perseverancia política e sobre todo con paciencia, algo que falta nestes días. Para acadar isto o máis correcto no noso ámbito cultural sería o de usar o xogo político para ir lentamente acadando melloras no autogoberno a cambio de apoios puntuais aos partidos no goberno. Así lentamente iríanse consolidando as estruturas políticas e administrativas necesarias no día en que a oportunidade de facer un proceso de secesión ordenado e legal, que nunca hai que desbotar que poida chegar nalgún momento.

Isto é máis ou menos o que os cataláns levan feito nestes últimos anos, salvo polo inmaduro e acelerado proces. O normal sería aproveitando a situación feble do goberno español seguir coa vella estratexia e ir pouco a pouco consolidando o autogoberno. Mais parece que o alma esquerdista de Esquerra Republicana estase a impor á alma nacionalista, tentación presente en moitos partidos de esquerda nacionalista que teñen inercias ás veces contraditorias entre si, entre as dúas pulsións. O feito de ter forza suficiente para condicionar os orzamentos lévaos a querer influír máis na área social das políticas públicas e menos na nacional.

O feito de, por exemplo, querer modificar á baixa a capacidade normativa das comunidades autónomas no que se refire aos tributos nos que teñen competencia é clara mostra disto, porque nen sequera é unha reforma como a laboral na que tamén están afectados os traballadores cataláns. Neste caso estáselle a dar competencia ao estado central para que modifique unilateralmente as condicións de financiamento autonómico, que esta vez pode ser do gusto do partido catalán pero que no caso de vir outras forzas a gobernar o estado pode non selo tanto. Estáselle a dar unha poderosa arma centralizadora ao goberno central ao tempo que se recorta a autonomía financeira da propia Cataluña. Algo semellante xa se fixera pouco antes coa lei educativa. A ansia esquerdista tamén lles puido e en vez de negociar un maior control autonómico da educación aproban leis que potencialmente prexudican a ikastolas e demais formas de educación concertada e que non ceden nada no control centralizado da educación.

Pero o máis significativo é que están a amosar que teñen intención de seguir moito tempo no marco do estado español. Ninguén se preocupa da financiación de outros territorios ou da educación nos mesmos se é que non ten intención de permanecer moito tempo co mesmo estado de cousas. O seguinte estado de cousas se verá se prefiren as esquerdas ou aos outros nacionalistas no goberno da Generalitat. Pero pinta mal para o nacionalismo.

Comentarios