venres 30/10/20

Sobre a substitución dos traballadores

Nos anos 30 no medio da Grande Depresión americana con cifras de desemprego nunca vistas déronse propostas de restrinxir o traballo das mulleres para facilitar o emprego dos homes “cabezas de familia”. Conta a historiadora Theda Sckopol no seu libro sobre a formación da política social nos Estados Unidos que foran implementadas algunhas medidas nesta liña (restricción de xornadas e de horario nocturnos ou prohibición de traballos perigosos, etc) pero declarando que eran para protexelas. Ademáis do inmoral machismo que suxace nestas medidas, o certo e que non tiveron éxito algún no seu obxectivo de crear emprego. Nos anos 80 na Francia implantouse a redución de xornada laboral para, supostamente, repartir o emprego e que todos puideran traballar. O resultado foi o mesmo que no caso anterior. Agora a nosa ministra de Traballo, non dubido que con boa intención, indica que non é pertinente retrasar a idade de xubilación, pois isto dificultaría a creación de emprego. Estas propostas nin tiveron éxito nin o van a ter porque parten dun erro de base, que é o de considerar a cantidade de traballo como algo fixo, de tal forma que un traballador novo só podería acceder aun traballo cando outro abandone o seu, o cal é algo incorrecto aínda que a simple vista non o pareza. Ogallá fose así. Entón xubilaríamos a todos aos 40 anos e así habería emprego para todos e disfrutaríamos de moitos anos de lecer (medida, por certo, adoptada nun país sudamericano nos anos sesenta cun resultado absolutamente desastroso).

Na realidade o que acontecería sería que habería máis receptores de pensións de reforma e menos xente a pagar por ela, con cotizacións para estos necesariamente maiores o que encarecería súa contratación, ademais de privar á sociedade de traballadores moi valiosos só por “crear emprego”.

A cantidade de traballo non é algo estático e sempre se están a crear novos postos de traballo. No ámbito do estado pasamos por exemplo de contar con doce millóns e medio de empregados a comezos dos anos 80 aos perto de vinte millons de empregos de hoxe (sen ter en conta a pandemia). Isto é creáronse preto de sete millons de empregos novos. No mundo foron varios centos de millóns. Isto é, porque se a produción incrementa a nosa procura tamén o fará e demandaránse todo tipo de novos empregos. Con nova renda poderemos satisfacer necesidades que antes non podíamos atender e, por tanto, crearemos novos empregos. Canta máis produción haxa comezaremos a demandar, por exemplo, máis servizos de saúde, de educación ou, incluso, de entretemento. Unha sociedade menos produtiva non podería soster a cantidade de médicos que hoxe temos nin a cantidade de educadores, nas variadas ramas do coñecemento, que hoxe temos. Tampouco poderíamos ter xente adicada ao entretemento, á ciencia e á cultura como hoxe temos (xornais como este, por exemplo, ou o número de investigadores científicos maior que nunca na nosa historia)

Pola contra ninguén pode garantir que o emprego que abandona o xubilado vai ser cuberto necesariamente por un novo empregado e non sexa amortizado. Cando se xubila un ferreiro ou un cesteiro non é probable, salvo excepcións, que sexa cuberto por un mozo ou unha moza de vinte anos. Estes buscarán probabelmente outros sectores de emprego. Pode ser lexítimo manter ou adiantar a idade de xubilación, pero debe ser por outras razóns que a do emprego, pois o resultado pode ser o contrario ao buscado.

comentarios