Opinión

Relacións exteriores

Observo que varias das polémicas nas que ten estado presente a principal forza nacionalista galega, o BNG, teñen que ver non tanto cos seus posicionamentos na política galega como con cuestións de relacións internacionais. Nun caso, pola decisión de invitar representantes independentistas doutras nacións e no segundo por unha denuncia dunha asociación pro-israelí a respecto da cuestión palestina. Non vou entrar nestes casos concretos, pois o BNG como forza política ten obviamente o dereito a escoller as súas compañas e decidir como e con quen se relaciona e, por suposto, asumir as consecuencias positivas ou negativas destas relacións. Pero a min o que me interesa non é tanto a política exterior dunha determinada forza como cales deberían ser as relacións exteriores dunha nación galega que decidise ser dona de seu e decidise establecer unha estratexia en tal senso. E isto rara vez se ten teorizado ou discutido.

O primeiro que debería establecer os seus propios tempos. Cada nación debe ter os seus pero as dinámicas dunhas poden non convir ás outras. Por exemplo, Catalunya (ou outro territorio calquera) pode decidir que é agora o momento da súa independencia, pero este momento pode non convir ao nacionalismo galego que polos motivos que sexan poden incluso ver tales movementos como contraproducentes para a propia causa. Neste caso, alén dun apoio xenérico á causa, o nacionalismo galego non debería implicarse máis. Se eles non consultaron a nosa opinión entón tampouco teñen porque agardar noso apoio. O nacionalismo pode ser boa ou mala idea e non é obrigatorio selo, pero si alguén o é, por lóxica, deberá considerar os intereses da súa nación como súa primeira prioridade e non debería gustar de enlearse en loitas que non lle conveñen aos intereses nacionais por simpáticas que estas sexan.

En segundo lugar, a política exterior de calquera nación debería ser a da busca de aliados internacionais, que ou ben apoien a causa ou ben que poidan ser convenientes as necesidades do propio país. No primeiro caso existe a tentación de deixarse levar por afinidades ideolóxicas ou simpatías, cando o relevante é que estas queiran primeiro axudarte, e segundo, e principal, que poidan facelo. Ás veces vexo nacionalistas galegos apoiando causas nalgúns países de fala hispana. Supoño que se decatarán de que de termos algunha discrepancia co goberno de Madrid estes países tan amigos van apoiar a Madrid sen ningunha dúbida, como puidemos ver no caso catalán. Son países hispanos e é normal que así sexa. Poden ser causas simpáticas para algúns pero pouco efectivas para a causa nacional. A amizade dos norteamericanos podería ser ben máis útil, aínda que supoño que menos simpática, como ben saben os irlandeses ou os vascos, que colaboraron coa CIA cando fixo falta. Tamén é importante que estes países teñan algunha capacidade real de axuda ou de recoñecemento no ámbito internacional. Podemos ser solidarios co Kurdistan ou cos sufrimentos do pobo de Aceh pero moito me temo que pouca axuda iamos poder recibir deles, fóra do apoio moral. Os croatas, por exemplo, souberon ben, en cambio, a quen acudir e foron a Alemaña e ao Vaticano a buscar apoio e recoñecemento, non tanto porque quixeran senón porque estes podían.

Habería tamén que debater cal debería ser a posición de Galiza diante das nacións veciñas, e sobre todo con respecto a outros actores internacionais como poden ser os grandes fondos de investimento ou o capital transnacional, pero isto deberá quedar, por cuestión de espazo, para outros artigos.

Comentarios