Opinión

Reivindicar a Idade Media

Deben ser poucos os oficios máis ingratos que o de estudar ou investigar sobre a Idade Media e en especial esa etapa da historia galega. No ámbito do nacionalismo contamos con moi bos estudos de Anselmo López Carreira, Camilo Nogueira ou Francisco Rodríguez, sen contar os numerosos ensaios e monografías de alto nivel que se fan nas nosas facultades de historia. Neles adoita resaltarse o esplendor comercial, cultural e político da Galiza desa época. Mais de pouco vale se despois todo o que alí se afirma, que debería servir para reforzar a nosa autoestima, é desmentido con todo tipo de enganos e desacreditacións dese tempo histórico. Neste mesmo xornal, que non é para nada unha excepción ao respecto, ao tempo que se reivindican con excelentes monográficos aqueles tempos úsase o concepto de medieval para asocialo a todo tipo de maldades e moitas veces con pouco fundamento. Fálase, ás veces, de escurantismo medieval, de inquisición como na Idade Media, de volta da situación da muller a tempos feudais, de tal forma que tal tempo fica asociado a unha era de tebras e ignorancia.

De pouco vale entón o que poidamos dicir da relativamente boa situación da Galiza naquel tempo. Esta denigración histórica non se fai, por exemplo, do chamado Renacemento ou da Ilustración, que pasan por ser etapas de luz cando nelas se deron, de feito, moitos retrocesos no ámbito social. Foi na era do Renacemento cando chegou a Inquisición ás súas maiores sevicias, e non se lembra que que foi o Rei católico quen mandou instaurala. Tamén reviviu o tráfico de escravos, case extinto na deostada época feudal, e no cal distinguidos ilustrados como Locke ou Voltaire fixeron moi rendíbeis investimentos. Tampouco o fin da Idade Media trouxo tempos de paz senón que as guerras en Europa acadaron unha virulencia non coñecida nos tempos medievais da paz de Deus e os combates de cabaleiros. Pero iso si, a mala fama lévaa a Idade Media.

Non sei exactamente as razóns de tanta animadversión pero todo apunta a un intento dos ilustrados de denigrar unha era na que o papel da relixión e a Igrexa católica eran preponderantes, algo que no noso caso, é máis que evidente, é que foi unha das causas do noso esplendor naqueles tempos e sen o cal non se podería ter acadado. Tamén intúo que a reis e gobernantes dos novos Estados centralizados como o español non lles facía moita graza unha era na que existían en Europa centos de unidades políticas que se valían ben por si mesmas, como era o noso caso.

Pensemos que naqueles tempos só na península Ibérica existiron, incluíndo os chamados reinos de taifas, ducias de unidades políticas, moitas delas de grande esplendor, o que desvirtuaba moito o discurso centralizador do poder político. Só taifas existiron entre vinte e perto de corenta no seu período de máxima fragmentación, ao que hai que sumar os diversos e variados reinos cristiáns. Aínda que as taifas non nos atinxan moito a nós, é raro tamén atopar algún traballo que non as deoste, a pesar de ser unha era de esplendor cultural e económico, como nos lembra René Guichard ou o anarquista alemán Rudolf Rocker, gran defensor deste modelo político.

Porén, se queremos reivindicar o noso pasado acredito que é necesario liberarnos un pouco da escravitude dos estereotipos históricos e comezar a valorar non só o noso caso concreto senón os tempos no que nosa terra acadou prestixio e esplendor. De nada vale facer tan excelentes estudos se logo a propia época na que se sitúan é denigrada, as veces por nós mesmos.

Comentarios