Opinión

El-Rei e o isolacionismo

Eu teño defendido en moitas ocasións a institución da monarquía (e se for galega mellor). Acredito que separar a función da xefatura dun estado da dinámica de partidos e situar nela unha persoa que non desferte filias ou fobias ideoloxías é unha boa maneira de garantir certa estabilidade e evitar que a xefatura do estado se involucre nas discusións políticas propias dunha democracia. Xa nin pido, por desgraza, que sexan exemplares no seu cometido, pois tampouco das corruptelas nos libran as repúblicas, como se pode ver no caso do condenado ex presidente Sarkozy que visitou España para alertarnos dos perigos do separatismo. O único que pido é que non tomen partido e cumpran co seu cometido. Por iso non gosto nen na forma nen no fondo das declaracións do rei Felipe no foro da Toxa, que se está a revelar como moito menos competente no seu cometido como rei que o seu pai.

Na forma El-Rei xa cometeu o erro de tomar partido na cuestión catalá, e se ben acadou o aplauso dos sectores máis españolistas conseguiu alienar boa parte da poboación catalá da súa figura, de tal forma que agora non pode case nen pisar ese territorio, algo que nunca lle acontecera ao seu pai. O rei pasou a ser considerado unha figura política, sen ser eleito, e foi unha das razóns do auxe do republicanismo hispano. Xa non é máis visto como unha figura que represente a todos. Un rei que merecese tal nome comportaríase como a súa curmá, a raíña Isabel II de Inglaterra, que no referendo escocés calou e mantivo exquisita neutralidade, fose cal fose súa opinión persoal. Na Toxa cometeu o mesmo erro, aínda que pasase inadvertido e non teña a mesma gravidade, o de opinar sobre isolacionismo e multilateralismo. Supoño que o discurso lle sería escrito, ou cando menos visado por algún funcionario gobernamental, pero aínda así entendo que debería evitar certos pronunciamentos no exercicio da súa función pois está a falar de temas moi discutibles e que poden dividir politicamente unha sociedade e é aquí cando entramos no fondo da cuestión.

El-Rei di que non son tempos de isolacionismo, máis non di en que consiste tal postura nen que ten de malo. Se por isolacionismo se entende vivir pacificamente no mundo sen meterse nos asuntos políticos dos demais, pero ao tempo estar aberto ao comercio e ás relacións culturais, que xa eles saberán como arranxar, eu entón son isolacionista. Se, como quería a vella doutrina Estrada mexicana, significa que as relacións son entre pobos con independencia do seu goberno eu tamén o son. Se, como parece que defende El-Rei ou quen lle escribiu o discurso, implica seguir as aventuras imperiais dos nosos supostos aliados e intervir noutros países para implantar o noso modelo político e tentar espoliar os seus recursos eu tamén son isolacionista.

Agora que despois do Afganistán parecía que íamos ter a posibilidade de vivir unha etapa de paz, adicados aos nosos problemas, que xa bastantes temos, e sen querer buscar monstros exteriores que combater parece que se pretende de novo crear organizacións neoimperiais esta vez de base exclusivamente europea para manter “nosa” proxección no mundo. Parece que non nos chegou aínda. E non é moi intelixente politicamente por parte da súa maxestade defender ese tipo de orden. Nel vai pintar ben pouco e non vai ser necesario, e como siga nesta liña vai quedar reducido a ser rei dunha pequena porcentaxe dos españois, perdendo precisamente o apoio de quen máis lealmente e fóra dos seus círculos cortesáns o poderían defender.

Comentarios