Opinión

Reforma do poder xudicial

Fálase moito estes días da tentativa, todo di que fracasada no momento de escribir estas liñas, da reforma do sistema de elección dos integrantes do órgano de goberno dos xuíces españois. Argumentouse moito acerca de se dita reforma mingua ou non a independencia dos xuíces a respecto do poder político e de se garante ou non a necesaria división de poderes, pero fíxose moi pouco por discutir dous aspectos moi relevantes de tal reforma. Isto é, o primeiro é o debate de até que punto pode ser desexábel unha maior independencia dos xuíces e, o segundo, o de saber até que nivel é posíbel no marco dos Estados europeos contemporáneos lograr a independencia do terceiro poder.

O primeiro aspecto reflicte a contradición entre o ideal dunha xustiza independente, unha xudicatura libre de presións políticas, económicas e sociais e que realice o seu traballo sen favoritismo e con total neutralidade e a realidade de que os xuíces realmente existentes son seres humanos falíbeis e semellantes a calquera outro colectivo público como mestres, médicos, policías etc. Esta contradición reflíctese nos problemas de control e responsabilidade que se lles deben aplicar como a calquera destoutros colectivos. Unha xustiza ideal, libre de calquera presión ou control, tamén implicaría un colectivo irresponsábel socialmente dos seus actos ou de chegarse ao extremo incluso penalmente. Os xuíces xa controlan actualmente os procesos de selección, isto é, son eles mesmos quen determinan que persoas están ou non capacitadas para ser xuíz, son quen controlan os procesos de promoción dos mesmos e, por suposto, os procesos disciplinarios ou penais dos mesmos. En caso de ser completamente independentes poderían conformarse nun poder, que a diferenza dos outros dous, non tería que render contas máis que a si mesmo e que pode derivar tamén como calquera dos outros nun poder abafante. Certo degrao de control externo á xudicatura faise pois necesario, e, por tanto, a súa total independencia non parece algo desexábel. O problema, como sempre, é determinar o nivel do mesmo, pois tampouco pode estar controlado por completo e isto xa forma parte da enxeñaría constitucional, aínda que sempre poden ser imitados modelos de éxito.

O segundo aspecto a discutir é o de se é posíbel dita independencia nun estado democrático contemporáneo. O panfletista francés Maurice Joly, nunha pouco coñecida, e até pouco oculta, obra Diálogo no inferno entre Maquiavel e Montesquieu, afirmou a imposibilidade de división de poderes nun estado no que os xuíces sexan á vez funcionarios do mesmo e polo tanto supeditados ao poder político convencional. Lembremos que o xudicial necesita, polo menos, o permiso do poder executivo, pois se este decide non acatar as súas ordes os xuíces pouco poderán facer. De ser así e ser os xuíces funcionarios, o Goberno poderá ascendelos ou mudalos de sitio se así o quixer ou tamén xubilalos ou non simplemente cambiando a lei. O máis común na nosa contorna é mudarlles a planta, criando a propósito tribunais ou fiscalías de excepción, como ben apuntou o outro día Suso de Toro en referencia á Audiencia Nacional, que quiten o xuíz ordinario os temas espiñentos ou delicados politicamente. Pero o problema da reforma proposta non é este, pois en todas as partes os xuíces están máis ou menos controlados polos partidos, senón que precisamente afecta ao equilibrio de poderes entre os propios políticos e de forma imprudente cara ao futuro. De aí virá o seu fracaso.

Comentarios