Opinión

A redención das provincias

As medidas de desescalamento do confinamento voltaron a pór no debate político as provincias como unidade administrativa. O libro de Ortega que dá título a este artigo serviu hai case cen anos para reivindicar unha sorte de España provincializada e foi tamén a orixe dun debate recorrente no seo do nacionalismo galego, o da organización administrativa da nosa terra.

As provincias sempre contaron con mala imaxe no nacionalismo. Case ningún dos principais teóricos do galeguismo, fosen de dereitas ou de esquerdas, deixou pasar a ocasión de criticalas. Existían moitas razóns para facelo, pois a orixe destas unidades administrativas atópase na imitación por parte da esquerda española de comezos do século XIX, os liberais, do modelo de departamento francés. Este fora a súa vez deseñado polos revolucionarios franceses e levado ao extremo polos xacobinos co fin de desmontar a administración política dos vellos reinos franceses e substituílos por unidades políticas sen ningunha raigame histórica co fin de que a lealdade última de vascos, bretóns, cataláns etc fose dirixida unicamente ao Estado francés. Tentouse eliminar da memoria incluso os vellos nomes históricos, sendo substituídos por nomes de montañas e ríos. Incluso foron usados na homoxeneización lingüística da Franza ao deseñar departamentos con habitantes de orixe mixta francesa e dalgún reino histórico para evitar que estes últimos contasen con algún territorio homoxéneo no que súa lingua fose dominante. Os afrancesados españois do tempo de Napoleón tentaron facer algo semellante deseñando provincias con nomes de ríos pero fracasaron. As provincias españolas dos liberais non foron tan alá como as francesas e en xeral foron constituídas mediante a división de reinos e territorios históricos xa existentes respectándoos. Na Galiza, por exemplo, seu esquema non é máis que unha sorte de racionalización das provincias do Reino de Galiza, eliminando as máis pequenas. Pero a súa intención era a mesma: construír unidades administrativas co seu xefe político (despois coñecido como gobernador) de tal forma que os vellos reinos, como o noso, fosen perdendo utilidade e ficasen reducidas a unha sorte de referencia mítica.

Desde súa creación houbo resistencia por parte primeiro dos tradicionalistas e dos seus sucesores rexionalistas e logo nacionalistas. De feito os precursores do galeguismo escolleron o nome de provincialistas para reclamar que Galiza fose organizada nunha única provincia. A crítica ás provincias foi desde entón até hoxe unha constante do ideario galeguista, e desde a constitución da Xunta de Galiza houbo varios intentos falidos de rematar con elas e coas institucións asociadas, como as deputacións.

Até aquí moi ben, e comparto as críticas, pero o os galeguistas nunca se caracterizaron por deseñar polo miúdo a forma en que cando os tempos sexan chegados vai ser organizado o noso vello reino. Referencias vagas a comarcas e parroquias son frecuentes pero sen deseñalas de forma operativa. A carraxe pola orixe das provincias esqueceu que o noso reino xa tiña unha estrutura provincial previa semellante á actual. As provincias actuais xa levan dous séculos entre nós e son ben coñecidas pola nosa xente e contribuíron ao deseño actual da Galiza. Non será hora de redimilas e aproveitalas para o deseño futuro da nosa terra?

Comentarios