Opinión

Por que están a rescatar os bancos?

As recentes turbulencias financeiras nos Estados Unidos co Sillicon Valley, o Signature e o First Republic e en Europa co Credit Suisse, que afectaron ao resta da banca do noso continente está a espertar o debate de como afrontar estas crises dende as distintas autoridades monetarias. O habitual é culpar os dirixentes dos bancos pola súa mala xestión, que en algúns casos pode derivar en consecuencias penais para os seus xestores, e logo, tras sacudir a culpa, aparecer os supervisores como entes benéficos e sen mácula que acoden ao socorro dos pequenos negocios e os depositantes afectados. Nalgúns dos casos, como o do Silicon Valley, isto non é totalmente certo, porque a xestión foi conservadora, de feito arruinouse por non ter sido arriscado e adquirir débeda pública dos Estados Unidos, tendo máis culpa a propia Reserva Federal coas súas políticas restritivas do crédito que devaluaron o valor de tales títulos, facéndoo caer na insolvencia. Noutros, como o de Credit Suisse, cuxos males veñen de máis atrás, si que poderíamos falar dunha deficiente xestión polos seus responsábeis.

Mais o feito é que ambos, por boa ou mala fortuna, foron rapidamente rescatados polos organismos correspondentes do seus Estados, dando igual, a estes efectos, se o rescate foi por medios directos, isto é a través liñas de crédito dos seus bancos centrais, nacionalización total ou parcial, con bancos malos financiados publicamente que compren os seus activos tóxicos, ou se foron salvados de forma indirecta a través de compras ou inxeccións de capital por outros bancos "privados" a requirimento dos seus Gobernos. O certo é que os Gobernos amosan un interese enorme, un gran despregamento de medios económicos e unhas presas que non amosan no caso de quebra ou concurso dunha empresa do metal ou do téxtil por exemplo, non dubidando en empregar medios extraordinarios na súa salvación.

Dirase que é un sector estratéxico e que pode levar a unha sorte de caos económico con grandes prexuízos para os depositantes de fondos e que pode facer colapsar unha economía, e volverase a repetir o erro de non rescatar a Lehman Brothers no seu momento. Más isto non é correcto, pois é moi improbábel que os depositantes non cobren o seu de darse un rescate ao estilo vello, o chamado tecnicamente bail-in, no que os acredores, neste caso os depositantes, fanse propietarios dos activos do banco que unha vez liquidado deberían chegar para cubrir con creces o que se debe. Os perdedores serían os accionistas e sobre todo os posuidores de bonos de "alta calidade" do banco e que son aos que realmente se quere rescatar, como din eles, por seguridade xurídica. Isto viuse perfectamente na última crise. E tamén os rescatan rapidamente pelo propio crédito do país no que os bancos teñan a súa sede. Non debemos esquecer que a actual banca comercial é privada só en parte, pois goza de privilexios legais dos que non dispón ningún outro sector económico, e isto é porque os bancos cumpren coa función de financiar de forma indirecta os Estados e de ser correas de transmisión da súa política monetaria. Como os Estados non poden financiarse directamente dos bancos centrais hai que recorrer a eles para facelo. Prestan un servizo público pero a través de medios privados, como as escolas concertadas, o transporte urbano ou a recollida do lixo en moitos concellos. E polas mesmas razóns, polo máis baixo custo, fuxir da responsabilidade en caso dunha mala xestión ou evitar as demandas políticas e cidadás que se producirían no caso de ser de xestión pública directa.

Oxalá non fosen rescatados, isto querería dicir que os bancos volverían ser o que nunca deberon deixar de ser, un negocio como outro calquera sen privilexio algún.

Comentarios