domingo 11/04/21

PSOE e BNG

A finais dos anos 80 na Facultade de Económicas de Compostela debatíamos sobre cuestións entón de moda como o marxismo e a cuestión colonial na Galiza. Por un lado estaban os comunistas nacionalistas que entendían que a relación de Galiza co resto do Estado se asemellaba, con todas as salvedades que se queiran, á dunha situación colonial ou cando menos de colonialismo interno. Supoño que o farían para tentar compatibilizar o nacionalismo co marxismo, pois o marxismo é internacionalista e casa moi mal co nacionalismo, salvo na excepción admitida dunha relación colonial no contexto dunha loita de liberación nacional, na cal sería lexítimo combinar ambos os idearios. Correcta ou non a súa visión estaba centrada na realidade nacional galega. Pola outra banda os marxistas non nacionalistas que de forma máis coherente negaban os trazos coloniais da realidade galega e circunscribían o problema a unha xenérica loita de clases a nivel internacional, ou cando menos no marco español. A súa postura non sei se era unha sorte de españolismo disfrazado de internacionalismo proletario ou ben eran firmes crentes naquela frase de Marx e Engels de que os obreiros non teñen patria, ou na letra da Internacional.

Isto vén a conto porque parece que as vellas disputas entre as dúas almas da esquerda galega volven repetirse, como pode verse na confrontación dialéctica que estamos a vivir entre as cúpulas do BNG e as dos socialistas galegos. As disputas de hoxe non teñen a altura ou a beleza intelectual das de antes pero responden a causas similares. O PSdG herdou moitos dos cadros do vello comunismo galego e o BNG segue a representar en esencia a esquerda nacionalista que non é exactamente igual que a dos tempos da transición, pero que mantén unha liña semellante. Son dúas tradicións que teñen moi mal encaixe e que é moi difícil que cheguen a ter boa relación orgánica. De feito, seguen a ser coma compartimentos estancos con moi pouco transvasamento de cadros ou militantes entre eles. O porqué é algo obvio, a súa visión da nación é moi distinta, de feito se hai dous partidos (antes eran tres) na esquerda é porque difiren na cuestión nacional. Se unha persoa decide militar no partido socialista, habendo xa socialistas galegos no BNG, é simplemente porque non é nacionalista. Din os socialistas que o BNG quere estar fóra de España e da Unión Europea. Obvio. Se consideraran que España ou a UE son beneficiosas para Galiza xa militarían no socialismo e non terían montado o BNG.

Pero o certo é que esa postura tradúcese en políticas, e o PSOE como bo partido de orixe xacobina ten relativamente pouco interese na Galiza, primeiro porque segue a ser un partido moi centralista que non gusta de ceder competencias e segundo porque non é un sitio onde obteña bos resultados, ten un peso relativamente escaso en poboación e, sobre todo, porque calquera concesión as demandas galegas sería capitalizada polo Goberno da Xunta ou polo BNG, que son os que adoitan facelas. O PSOE non pode darlle unha baza ao BNG coa rebaixa das portaxes por estas razóns. Iso si, podería actuar de forma máis respectuosa con quen o apoiou, pois as traizóns xa comezaron ao día seguinte de ser investido. Xa bastante mal está aquí como para darlle agasallos aos rivais. Faría ben o BNG en telo en conta cando pacte Gobernos progresistas españois. E as demais forzas nacionalistas de esquerdas recibirán o mesmo trato a pouco que o PSOE poida facelo. Non sei que estraño atractivo terá, pero por moito que lles minta ou as traizoe sempre acaban por volver apoialo, e o PSOE xa dá por sentado que van a facelo e moitas veces gratis. O BNG parece ter aprendido que é a única forza nacionalista que non lle ri as grazas ao partido do Goberno. Agardemos que siga así.

comentarios