Opinión

Primarias e A Coruña

Agora que estamos a discutir se o eucalipto é unha especie invasora ou non cabería tamen discutir se a práctica das primarias nos partidos políticos é tamén ou non unha costume invasora e predadora do ecosistema político galego. Ao igual que o eucalipto foi introducido dende fóra polas súas supostas virtudes para a revitalización dun monte galego debilitado pola deforestación, as primarias foron introducidas dende Madrid para rexenerar os supostamente esgotados partidos galegos e para libralos dos seus males endémicos de falta de participación democrática e do conseguinte dominio por élites esgotadas e erosionadas. En ambos casos as consecuencias non se ven ao momento senón pasados uns anos dende súa implantación. Ambas prácticas son alleas ao país e, se ben poden adaptarse co tempo, poden causar muito daño a contornas non adaptadas a eles.

As primarias son especialmente dañosas para os partidos galegos, acostumados a ter estruturas de dirección fortes e unha militancia cohesionada e disciplinada. Isto acontece moi especialmente no PSdeG que foi quen as adoptou con máis entusiasmo. O BNG ten unha estrutura de selección de liderado muito máis coherente, pois fundamentase nunha selección a través dunha asemblea, ao igual que o PP que se basea nun congreso por delegados (aínda que isto pode mutar tras a reformas).

Un bo exemplo podemos topalo nos problemas políticos que está a ter o goberno do concello da Coruña e que en boa parte ten que ver con tal proceso e no que se manifestan muitos dos problemas que a teoría prevé a este respecto.

Un destes e non o menor é o de que as primarias poden escoller a candidatos que non son os preferidos das direccións dos partidos. Onde os partidos teñen pouca virtualidade, como nos Estados Unidos, isto non adoita ser moi relevante, mais onde estas teñen muito peso orgánico si que pode ter consecuencias graves, sobre todo a hora da confección das listas electorais, e polo tanto da equipa que vai acompañar ao novo candidato. Ou ben a dirección (tamén elexida de forma democrática) renuncia a súa capacidade de nomeamento, co cal sería privada dunha das súas principais funcións, ou ben a persona escollida perderá capacidade de conformar equipas da súa confianza, co cal xa sairía a carreira electoral moi debilitada. Normalmente adoita chegarse a solucións de consenso, que despois poden traer problemas. A isto pode sumarse o feito de que unha persoa eleita desta forma sinte que non debe nada a dirección colexiada do partido e tenderá a non seguir as súas directrices, creando potenciais conflictos xa dende o inicio, e máis se acada responsabilidades de poder, pois vaise configurar xa dende o principio como unha oposición interna a dirección, servindo ademáis de referencia a todos os críticos que a dirección poida ter. 

No momento das eleccións isto non parece ter muitos problemas pois o candidato vai aparecer como unha figura dotada de certo aura de outsider mais os problemas poden plantexarse á hora de gobernar, pois algúns concelleiros ou deputados serán da obediencia do candidato e outros da liña da dirección, creando disfunacionalidades nos hipotéticos gobernos.

Todo isto aconteceu na actual crise do goberno da Coruña. Non sei a hora de escribir isto cal vai ser o resultado, mais o seguro é que algunha das dúas lexitimidades en conflicto, ambas democráticas, vai perder. Farán ben os nosos partidos en non imitar prácticas non arraigadas na nosa terra e en seguir as nosas práticas comúns e ben asentadas, pois os resultados de querer asentar especies non autóctonas xa son ben coñecidos.

 

Comentarios