Opinión

Prezos

A inflación, explicada a grandes trazos, expresa a relación entre a cantidade de diñeiro en circulación e a cantidade de bens que se ofertan no mercado. Se a cantidade de bens permanece estábel, a procura dos mesmos non diminúe e, ao tempo, a cantidade de diñeiro incrementa, tense que reflectir no prezo dos bens, subíndoos, aínda que non en todos por igual nin ao mesmo tempo. Tamén se a cantidade de diñeiro é estábel, hai unha caída na produción de bens en xeral e a procura tampouco se modifica os prezos subirán, aínda que esta é unha situación menos frecuente. Nos últimos anos, e para afrontar as consecuencias da pandemia, tense “estimulado” a economía con grandes compras de débeda pública ou doutros tipos de activos. Isto e os agora keyenesianos bancos centrais crearon da nada enormes cantidades de diñeiro sen que a cantidade de bens a disposición do consumidor medrase na mesma proporción. Dado que nesta ocasión, a diferenza das anteriores, a creación de diñeiro non foi convenientemente esterilizada, loxicamente ten que expresarse na suba dos prezos, primeiro dalgúns bens, como os da enerxía, e logo no resto nun proceso que aínda non parece ter rematado no tempo.

Ten lóxica. Os posuidores do diñeiro recén creado buscan oportunidades de investimento e pensan que nada mellor que investir en bens enerxéticos dada a recuperación da economía e o previsíbel incremento no prezo da mesa, isto sube os seus prezos e, á súa vez, aínda fai máis atractivo investir aí e comeza unha espiral de suba, até que a bóla pinche. Mais esta suba de prezos co tempo trasládase ao resto da economía coas consecuencias redistributivas previsíbeis. Bonanza para os sectores económicos que reciben o diñeiro en primeiro lugar e pobreza para os últimos en recibilo, ou para aqueles que por diversas circunstancias, como ter contratos a longo prazo, non poden repercutilo nos seus prezos ou renegociar salarios ou pensións. É o caso dos nosos gandeiros de leite, por exemplo.

A curto prazo os grandes beneficiados son os gobernos, que son financiados de forma barata, ao tempo que se pode crear emprego dado que os salarios reais se ven reducidos, pero a longo prazo xeran consecuencias moi nocivas para os sectores politicamente máis indefensos da sociedade, como pensionistas ou pequenos aforradores que ven como os seus depósitos ou pensións son literalmente feitos po e que pode conducilos a investimentos máis arriscados e sen garantía para fuxir deste proceso. Tamén levará consigo a medio prazo a unha suba dos xuros derivada da retirada dos estímulos e de que os investidores reclaman tamén tipos máis altos, tanto na débeda pública (xa está a pasar) como na privada, a famosa prima de inflación. Isto non será feito sen consecuencias tanto para os gobernos que verán dificultado e encarecido o seu financiamento como para aqueles con débedas a tipo variábel, como acontece con moitas persoas hipotecadas. Tamén aqueles que teñan títulos de renda fixa verán reducido o seu valor, e agardemos que os bancos teñan aprendido a lección e non estean moi expostos. Só faltaría que tivesen que ser rescatados de novo. Ou sexa, que son moi de prever a medio prazo novos recortes no gasto público ou a revalorización das pensións por debaixo do IPC ou ambos á vez, por desgraza, o que vai implicar un deterioro da calidade de vida de moitos sectores xa empobrecidos. Iso si, canto máis se tarde en tomar as medidas adecuadas máis radicais serán. Se se reacciona pronto e con prudencia haberá dano pero non chegará aos extremos de hai 10 anos, pero moito me temo que vai imperar o curtopracismo e os gobernos non o han querer afrontar. E estes fenómenos deberían servir para que a poboación se conciencie de que o diñeiro creado da nada non soluciona problemas senón que os agrava.

Comentarios