Opinión

Prezos e gran distribución

O filósofo José Ortega y Gasset describiu nunha ocasión o español como un curioso pobo, que cando non ten pan queima as panadarías. Non ía moi desencamiñado o vello filósofo pois ao consultar fai pouco un informe sobre valores económicos das distintas poboacións do mundo, publicado nun dos últimos números do Cato Journal, figuraba o español nun posto ben baixo nas súas actitudes cara o capitalismo e os mercados libres, dende logo ben máis baixo co que lle correspondería polo nivel de desenvolvemento acadado polos seus mercados e institucións capitalistas. Polo que parece, España ten ben máis capitalismo do que a poboación hispana parece preferir. Esta introdución vén a conto de moitas opinións lidas na prensa galega, e neste xornal especialmente, sobre a cuestión da baixada do IVE aos produtos alimentares ou sobre a conveniencia de impostos as grandes empresas de distribución. Case todos eles atacan a distribución, por certo maioritariamente de capital galego, culpándoa da suba dos prezos, temendo que ensanche as súas marxes coa baixada do imposto e reclamando gravar os seus supostamente enormes beneficios. Constato, por tanto, que a españolización dos nosos valores económicos, de ser certas as afirmacións expresadas por Ortega e polos índices de valores, é moito maior do que eu supoñía. E polo que vexo, a nosa asimilación cultural non se circunscribe á lingua. Os galegos, como os españois do tópico, tamén cando os prezos suben atacamos a quen os pon baratos, ou cando menos a quen impide que suban aínda máis. E penso que a cultura española ten cousas ben mellores a imitar que a súa visión da economía.

Quizás pola pouca consideración que o pensamento marxista tivo sempre pola esfera de distribución, a mercadotecnia ou a publicidade, ao vela como algo improdutivo, é que non aporta valor vendo ao comerciante, ao intermediario ou ao distribuidor como alguén que se enriquece "sen facer nada" e por tanto a alguén a quen vixiar e controlar para que non obteña beneficios "caídos do ceo". Ou quizais pola pervivencia de numerosos mitos populares sobre o acaparador ou o especulador que sementan a desconfianza sobre a labor do comercio e a distribución, o certo é que seguimos sen comprender o seu funcionamento.

Lembro que hai pouco tempo houbo protestas de gandeiros contra certas cadeas de distribución porque seica vendían o leite por debaixo do custo e o usaban como reclamo comercial. Isto é, combatían a estas superficies por vender demasiado barato. Aínda que a práctica, de darse, puidera ser discutíbel o certo é que aí se actuaba cunha lóxica económica correcta. As grandes cadeas da distribución obteñen seus beneficios polo volume de venta, é dicir, por vender grandes cantidades cunha marxe pequena e non por vender poucas unidades cunha marxe grande. Máis agora a gran distribución, de forma incoherente, está a ser atacada por todo o contrario, isto é, por subir prezos e supostamente obter grandes beneficios no proceso. Certo é que subiron os prezos na gran distribución, pero menos que na distribución en xeral, a proba está en que están a gañar na porcentaxe global de ventas e moi seguramente tamén en que os prezos subiron menos do que o terían feito con outra forma de organización das vendas. A súa suba de beneficios ven de aí, de que venden máis que nunca, pois a súa competencia subiu aínda máis os prezos. E, por certo, gostaría que me explicasen cal podería ser a ganancia para os consumidores ou os produtores de alimentos de que as grandes distribuidoras estivesen en perdas. Sei que estas posturas son moi pouco populares neste xornal pero creo que é necesario dar algunha vez o debate sobre o papel da gran distribución na Galiza.

Comentarios