Opinión

Prensa rosa

Leo neste xornal que unha toma de postura por parte do noso Parlamento en contra dunha hipotética modificación legal da práctica da xestación subrogada, neste momento prohibida no territorio español, non foi considerada polo grupo do PPdeG. Nada fóra do común na dinámica  parlamentar, máis o que chamou a miña atención foi que quen redactou o comunicado criticou o BNG por deixarse influír pola chamada prensa rosa española. Non teño nada contra tal prensa, que en España acada un moi alto nivel de calidade, entre os mellores do mundo no seu ámbito, e que cumpre ao meu ver un importante papel social.

Do mesmo xeito que a prensa deportiva, a prensa rosa facilita as conversas banais nas que non é conveniente debater de temas controvertidos ou moi especializados e polo tanto suaviza as relacións sociais e serve de inspiración de modas, peiteados e costumes; oxalá puidésemos ter algo semellante centrado na Galiza. Admito, con todo, que o portavoz popular ten certa razón no que di e que tal prensa non debe ser a que inspire a dinámica política do país e moito menos a do nacionalismo. Digo que ten certa razón porque a práctica da maternidade subrogada leva xa tempo producíndose e estando presente no debate público, pero parece que só cando se refire a unha persoa presente nese tipo de medios españois acada a relevancia suficiente para ser tratada no Parlamento. Nos comezos da guerra da Ucraína, por exemplo, houbo certa polémica ao quedar atrapadas alí varias ducias de crianzas xestadas desa forma e que requiriron de axuda diplomática para poderen saír. Ese sería, por exemplo, un bo momento para abordar o tema en sede parlamentar, e máis no caso de houber cidadáns galegos afectados. 

En principio non deixaría de ser unha disputa dialéctica, máis entre partidos galegos, se non respostase a unha tendencia que xa comeza a ser habitual no ámbito do nacionalismo galego, sexa este de dereitas ou de esquerdas, que é o de que a nosa axenda política está a ser máis conformada dende os medios de comunicación madrileños. Sei que o proceso de asimilación cultural galego está cada día máis avanzado, pero agardaría que cando menos o nacionalismo fose consciente e propuxese algún tipo de resistencia a esta dinámica. Pero constato que incluso estes sectores non son inmunes ás sutilezas do nacionalismo banal español, como é o da prensa do corazón, que como xa temos manifestado algunha vez, sendo o menos explícito é ao final o máis influínte, precisamente por apelar a feitos sen transcendencia ou desprovistos de motivación política e que son percibidos como neutrais. Non é pois anécdota, senón síntoma da perda de pulo teórico e social do nacionalismo galego, que ten que recorrer a axendas políticas vidas dende fóra para o discorrer da política cotiá. Hai algúns debates que, en efecto, son transversais a todas as nacións, como a lei trans ou a do 'só si é si', polo que é normal que se importen argumentos doutros sitios para o debate, pero moitos outros debates si admiten discursos nacionais propios, como a lei do benestar animal ou incluso a da vivenda, e non percibo que exista reflexión algunha dende a perspectiva nacional galega. 

Estes debates, cando os hai na Galiza, respostan ás dinámicas típicas de esquerda ou dereita, seguindo os argumentos da esquerda ou dereita madrileñas e sen incorporar sequera algún matiz galego. Cando era mozo e lin por primeira vez os documentos galeguistas chamoume moito a atención aquilo da soberanía estética da nación galega, porque non sabía a que se refería. Agora comprendo a súa importancia, máis non só no ámbito da estética, senón do debate político e cultural, para non ser colonizados pola prensa rosa española.

Comentarios