Opinión

Política exterior de nación

Pode que por influencia de Chesterton sempre gustei moito dos paradoxos. O vello little englander gustaba de inserir aos seus personaxes, especialmente o Padre Brown, dentro de misterios que sempre eran resoltos por medio de paradoxos que ao fin revelábanse como a situación máis lóxica. Eu tamén colecciono os meus, como que a ciencia non é científica nin a democracia democrática ou o empirismo empírico. É por iso de que gustei especialmente dun artigo recente nestas páxinas de Francisco Rodríguez no que se refería as relacións exteriores do presidente Feijoo con outras comunidades autónomas da chamada España baleirada. Adoito coincidir co sr. Rodríguez nas cuestións políticas máis non tanto nas económicas e neste caso foi a inversa, coincido cos seus postulados sobre o concerto económico para Galiza máis non tanto na súa valoración da política do noso presidente. Para min esta política “autonómica” é a verdadeira política nacional, con independencia das intencións do seu executor,  mentres que a suposta política “nacional” é a que é realmente autonómica.

Fagamos un conto de natal, agora que estamos no tempo, e imaxinemos nun futuro próximo unha Galiza soberana e independente. Este futuríbel só podería darse no caso dunha implosión do actual Reino de España, pois nin sequera nun conto deste tipo é imaxinábel que foramos nós os únicos en facelo. Os procesos de independencia recentes no noso marco derivan da disolución de estados multinacionais previos, como no caso da vella Unión Soviética ou da antiga Iugoslavia, e a independencia chega incluso a que non a pide, como aconteceu neses casos, e non se produce atendendo a realidades nacionais senón a unidades político-administrativas previas que precisamente por contar cunha mínima estrutura estatal son quen de poder realizar o proceso. Aí temos o caso de Montenegro ou de Belarus que case sen pretendelo son estados recoñecidos a pesar de non ser entidades nacionais, sendo respectivamente serbios ou rusos. Digo isto porque no hipotético caso de atoparmos unha Galiza independente algunhas das comunidades coas que se reuniu Feijoo serían estados independentes tamén, e sería precisamente con elas coas que haberá que reunirse e chegar a acordos. Ademais de con Portugal claro está.

Galiza pode ser independente pero seguirá situada no mesmo sitio e os veciños han ser os mesmos e as circunstancias sociais, económicas e demográficas serán máis próximas as delas, por moitos motivos, que as de outras nacións españolas, como Euskadi ou Cataluña. As relacións con estas, alen da simpatía que lles podamos ter, só se explican no marco do estado autonómico español e coa intención de acadar acordos para frear o centralismo, máis nun marco de soberanía non teñen porque ser especialmente intensas, dada súa situación xeográfica e que os respectivos intereses económicos ou xeoestratéxicos non só poden non coincidir senón ser antagónicos en moitos casos. Non é isto nada novo, pois pódese observar facilmente como moitas nacións antes unidas nun mesmo estado levan agora políticas totalmente diferentes tanto no interno como no externo e procuran seus intereses aliándose con quen máis lle convén, e en moitas ocasións con estados que reprimen as súas nacionalidades.

As novas nacións non acostuman ser moi solidarias coas que aínda non o son, como puido verse no caso recente de Cataluña, senón que ao pensar en clave estatal abandonan as vellas solidariedades e comezan a pensar primeiro nos seus propios intereses. E non teño dúbida que isto mesmo farían os hipotéticos dirixentes da Galiza soberana, que seguramente farían fronte común coas rexións españolas á hora de repartir fondos europeos ou no caso de a UE non existir chegar a acordos comerciais ou de libre comercio e tránsito de mercadorías (imprescindíbeis no noso caso).

Comentarios