Opinión

O PIB e as nacións pequenas

Publicouse fai uns días un informe oficial no que se daba conta da perda de peso relativo español na economía europea. Por un lado perdía peso porcentual no produto interior bruto europeo e por outro víase superado en PIB per cápita por varios países do leste europeo, como Lituania, Eslovenia ou a República Checa e igualado con Estonia. O estudo tamén resaltaba a gran diferencia entre os dous máis ricos, Luxemburgo e Irlanda, e o resto da Unión. Non se lle deu gran relevancia a este traballo nin no ámbito da oposición ao goberno nin no ámbito do nacionalismo, ou polo menos eu non a percibín. Por razóns obvias, diría eu, pois a dereita española que podería usar o informe como ferramenta de oposición ao goberno español, non lle convén resaltar que o proxecto español en Europa estase a revelar como un fracaso económico en perspectiva comparada. Está a ser superado por países que ata fai ben pouco contaban entre os máis pobres da Unión, e que viñan dun modelo económico que requiriu de axustes as veces traumáticos e sobre todo que proveñen de procesos de secesión no noso espazo económico e cultural. Non son as grandes potencias europeas quen están a deixar atrás a España senón pequenos países polos que non daban un can pola súa supervivencia ata fai pouco.

No ámbito do noso nacionalismo ten menos explicación a falta de debate sobre o tema. En principio debería ser motivo de reflexión entre nós o feito de que estas pequenas nacións, a maioría de igual ou menor tamaño ca Galiza non só sexan quen de sobrevivir como estados plenamente independentes (se é que podemos falar hoxe neses termos) senón de prosperar máis cos estados máis grandes e por isto supostamente máis capaces. Cantas veces nos dixeron a onde imos ir nós sós neste mundo globalizado fóra de España? Ou o de que con iso que defendes vós sería un desastre e unha miseria. A resposta agora é moi fácil e máis, sería noso hipotético interlocutor quen tería que responder a onde imos co actual modelo. Iso mesmo que nos dicían fai pouco de Lituania ou Estonia tamén o dicían no seu momento de Irlanda. Aínda lembro aqueles textos marxistas dos 80 de Dudley Seers onde se pintaba unha Irlanda periférica incapaz de desenvolvemento industrial e condenada a marxinación económico. Pois aí a temos agora case duplicando a renda media da Unión e moito máis rica ca súa antiga metrópole. Agora sobran argumentos para defender a viabilidade das pequenas nacións, tanto en estabilidade política como en prosperidade económica de aí o estraño de non usalos. A única razón que se me pode ocorrer é a de que ningún deses países abrazou o socialismo no seu proceso de desenvolvemento. E máis salvo Eslovenia, que está case empatada con España, todos estes pequenos e prósperos países puntuan ben máis alto que nós nos índices de liberdade económica (como o da Heritage Foundation-Wall Street Journal facilmente dispoñíbel no internet) que escollen os campións do capitalismo e que carecen de motivación para falsear os datos. Se o esquerdismo non os cega decataranse de que unha pequena nación pode vivir e prosperar, pero sempre adopte a súa economía ao libremercado e súa poboación o acepte e actúe en consecuencia. Se non o fai, e é moi libre de non facelo, un país pequeno pode ser independente  pero ao custe dun deterioro moi grande no nivel de vida. Creo que no ámbito do galeguismo este tipo de debates habería que telos, aínda que fose só no ámbito teórico. Non basta con pedir a autodeterminación ou máis soberanía, hai que explicar que se vai a facer con ela.

Comentarios