Opinión

Pesca, centralización e Unión Europea

As negociacións comerciais co Reino Unido derivadas da súa saída da Unión non parecen ter deixado ben parado o sector pesqueiro galego. É normal, e penso que culpar os negociadores, se ben pode ser a primeira resposta instintiva, non aporta gran cousa ao debate. O que fixeron é o que faría calquera negociador na súa situación.

Supostamente teñen o encargo de defender os intereses da UE e buscan negociar de modo que se obteñan os mellores intereses para o conxunto sacrificando a cambio aqueles intereses ou industrias que serían menos relevantes. Xa isto sería inxusto, pois laminaría sectores enteiros que non teñen culpa en ser menos importantes para os colectivos dirixentes da UE, pero éo aínda máis se temos en conta que non son sempre os sectores economicamente máis relevantes ou os que crean máis emprego os beneficiados na negociación, senón aqueles que teñen unha maior capacidade de presión política nas altas esferas da comisión europea. Quen observe o funcionamento das políticas na UE pode decatarse de que a influencia dos complexos armamentísticos ou das industrias “verdes” é superior á do téxtil ou dos sectores da agroalimentación, aínda sendo estas últimas tanto ou máis relevantes a nivel económico. Pero os negociadores son escollidos por estas calidades e saben o que deben facer e o mal non está neles. 

É a propia lóxica de funcionamento deste grande ente centralizado a que a leva a funcionar así. Varias veces temos criticado os males da centralización política no Estado español como para non criticar os dunha entidade cun potencial centralizador maior, e, polo tanto, cunha capacidade de tomar decisións potencialmente lesivas e a grande escala. Así, as negociacións céntranse nos sectores “máis relevantes”, sen dicir para quen o son (case sempre os sectores politicamente máis poderosos), e deixan “flocos” como a pesca como moeda de cambio. O que acontece é que o que son flocos para os membros da Comisión e os negociadores non o son para as comunidades que viven directa ou indirectamente deles, que poden ficar desmanteladas como resultado de “racionais” negociacións e sen garantir melloras. Ninguén pode asegurar que estas decisións centralizadas teñan que ser as adecuadas e que non se estea a apostar por sectores perdedores e a abandonar hoxe sectores con potencial de futuro. E isto é moi fácil que aconteza dado que a propia lóxica da centralización leva a tomar decisións cunha información simplificada e sen coñecer as realidades concretas dos sectores cos que negocia. 

A insensibilidade dos negociadores levou ao maltrato da propia cidadanía para gañar posicións. Non se dubidou en usar camioneiros como reféns polos poderes europeos para negociar e culpar o Brexit, como se medidas iguais non se tomaran no mes de marzo dentro do propio espazo europeo. Pero aos poderes europeos todo isto quédalles lonxe, pois a distancia e a falta de responsabilidade democrática lévaos a non ter a mínima consideración pola súa cidadanía e máis se é periférica. Están moi ocupados a mutualizar débeda entre os aplausos dos que pronto serán sometidos por ela. 

Feliz Aninovo.

Comentarios