Opinión

Os paradoxos do indulto

Fai xa moito tempo que descubrín a obra de Gilbert K. Chesterton, escritor católico inglés e reputado Little Englander, ou sexa, defensor dunha Inglaterra pequena sen colonias internas ou externas. Sen ser un gran prosista nin ter as súas novelas tramas moi elaboradas, si unha grande intelixencia derivada do seu maxistral uso dos paradoxos. O seu célebre detective, o Padre Brown, resolve os seus casos facendo uso deste don e atopa os criminais precisamente onde menos se pensa. Eu coido que esta forma de razoar, que moitas veces creo que se está a perder (como a nosa retranca), ten utilidade para entender os acontecementos políticos ou económicos, inzados creo eu dun exceso de racionalismo lineal que non nos deixa ver as sutilezas dos fenómenos as máis das veces máis complexos do que a primeira vista parece. Pensemos, por exemplo, no caso tan debatido aquí do indulto aos condenados polo Procès. No campo español temos o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen aparentemente coa súa decisión de indultar os presos cedería ás reivindicacións dos nacionalistas cataláns e “rompería España” coas súas cesións. Esta é de forma paradoxal a postura máis españolista que pode tomarse, como corresponde a un presidente do Goberno español, que, non sexamos inxenuos, non vai tomar nunca unha decisión que altere a súa propia base de poder.

No mesmo campo do españolismo temos a postura do colectivo Unión 78, dirixida pola ex deputada Rosa Díaz, secundada rapidamente polo PP español, Ciudadanos e Vox, mobilizados contra calquera proposta de indulto que proveña deste Goberno. E obviamente a postura máis favorable ao independentismo e na miña opinión a máis torpe se o que se quere é manter a España unida como din pretender. Como dixen isto constitúe un paradoxo.

A política de Pedro Sánchez de realizarse e asumindo os riscos que pode levar consigo incluso entre os seus, desmonta boa parte do discurso nacionalista catalán, non o interno, senón o que manteñen cara a fóra, ao dar o Goberno español unha imaxe dialogante e pouco extremista disposto a negociar incluso cos que ameazan a unidade española. E pon nunha moi mala situación os exiliados, que non poderán manter o mesmo tipo de discurso que agora sosteñen nas institucións europeas e que ten sido o seu principal acerto en todo o que levamos de Procès. A estratexia de Unión 78, en cambio, non fai máis que reforzar o discurso dos nacionalistas pois actúan como prevén que actuaría un bo españolista, o cal se axusta perfectamente ao seu relato e estratexia. Lembremos que o independentismo colleu moita forza cos recursos ao estatuto e con todas as medidas legais que o españolismo tomou contra súa implantación. Estas mobilizacións refórzanos e traballan para o independentismo. No campo do nacionalismo catalán non parecen entendelo por igual.

Por unha parte os de ERC piden o indulto (coa boca pequena, iso si) decatándose só a medias de que significa rematar definitivamente co impulso do proceso independentista e entrar nunha negociación na que a outra parte leva a iniciativa. Os que mellor o entenden son os de Junts e por iso non só non piden senón que parecen opostos ás medidas de graza. Estas deixarían Puigdemont nunha situación case insostíbel en Europa e perderían boa parte do seu discurso contra o Estado español. A proba de que o nacionalismo non quere o indulto é que nunca o pediron nas negociacións de investidura de Pedro Sánchez ou na aprobación dos seus orzamentos.

Tampouco lembro mobilizacións a grande escala por tal causa e mira que as ten habido. E calquera sabe que se os presos do Procès o quixesen só tiñan que arrepentirse e pedilo e daríanllo ao día seguinte. Se non o fixeron aínda é porque algo entenden e saben que o indulto só pode prexudicalos politicamente. 

Comentarios