Opinión

Pactos

No debate de investidura do cuarto mandato do presidente Feijoo fixéronse propostas por parte dos tres partidos de establecer algún tipo de acordo ou mesa para atender ás consecuencias da crise sanitaria e económica. Boa parte da opinión publicada e suponse que a maior parte da cidadanía apoia este tipo de pactos e acordos que den a imaxe dunha clase política unida e dedicada ao verdadeiramente importante. Como símbolo de unión da sociedade e como xesto de distensión política pode ser unha boa medida, pero duvido que tal mesa ou acordo sexan capaces de atender ao verdadeiramente importante que é como dixemos atención aos problemas de saúde e económicos derivados do coronavirus. Por que?

O tratamento de problemas complexos como o da pandemia require claro está de decisións políticas pero inspiradas por algún tipo de criterio técnico. Isto é, nen ao virus nen a economía lle preocupa si as forzas políticas galegas negocian e cooperan ou non. O único que lles pode afectar é que as decisións que se tomen sexan as axeitadas e o serán haxa unha sóa forza que as defenda ou sexan todas. Si as forzas xa concordan previamente nas medidas non fai falla facer mesa nen acordo porque este se dará por sentado e se non concordan aí é onde radica a cuestión. Ademáis do aspecto ideolóxico, pois non se pode obrigar a ningunha das forzas a partillar propostas coas que están en dasacordo, está o técnico. É moi pouco provável que as tres medidas, unha por partido político, esten acertadas á vez e, por tanto, unha síntese das tres causará con todas probabilidade algún tipo de distorsión en medidas que fosen en principio correctas. Isto é unha medida que é boa en principio ao pactar e ceder nalgúns pontos vai incorporar polo mero feito de pactar medidas que afectan a eficacia e bo desempeño da política acertada.

O ideal ao contrario é deixar ao goberno experimentar coas medidas que eles e seus expertos entendan pertinentes e ofrecer en cambio dende a oposición medidas alternativas para o caso de que os resultados non sexan os desexados. O que si se pode e debe é ter informados aos membros da oposición e pedirlles certa lealdade á hora de xestionar asuntos tan complexos nos que ninguén no mundo ten aínda resposta.  Pola contra tampouco debería o goberno usar o pacto para tentar diluir responsabilidades en caso de mala xestión. Un moi maquiavélico libro, El juego de la culpa de Christopher Hood, recomenda facer uso deste tipo de comisións e pactos para repartir culpas entre todos e eludir as consecuencias da mala xestión.

Iso si, se persisten en pactar e queren chegar a un acordo agardo que este non se desenvolva en sé parlamentaria nen que as negociación sexan desenvoltas con “transparencia” como reclaman os novos tempos políticos. Unha negociación política de verdade só pode facerse sen transparencia e a poder ser o máis apartada posible das institucións. Unha negociación pública leva a que os negociadores non podan mudar súa postura oficial sen ser acusados pouco menos que de traizón e traerán súas ofertas estudadas para saír nos medios, non para acadar resultados. Só se pode ceder en aspectos substanciais se a negociación é segreda e facer que esta sexa pública é a mellor forma de que non haxa pacto, aínda que se declare o contrario.

Comentarios