Opinión

Os nosos santos

Leo con agrado que o Partido Comunista Ruso se sumou á proposta do partido nacionalista conservador Rusia Unida (así se define), que é o que sustenta nestes momentos o presidente Wladimir Putin, de restaurar o nome de Deus na Constitución Rusa. E digo con agrado porque o vello partido de Lenin prima a conservación da nación rusa sobre os principios laicos e ateos que antes o caracterizaban. Entenden que a nación rusa non pode ser desligada da súa tradición relixiosa, crean ou non nela, da que forman parte como non o culto a San Cirilo e os seus santos patróns. Isto vén a conto porque lin tamén que algúns nacionalistas galegos queren suprimir o santoral cristián do nomenclátor das parroquias dun concello galego. Non dubido das súas boas intencións, mais penso que é un erro político e tamén un erro cultural se o que se quere é preservar os trazos que definen a nación galega.

É un erro político porque debilita un dos piares que configuran a nación galega. A nación galega é o seu idioma mais non o seu idioma. Todos os trazos culturais que nos caracterizan apoian a consciencia nacional e por tanto a conservación do idioma e a toponimia tradicional é un deles. Supoño que no seu laicismo, que de ser tal debería aplicarse a todas as relixións e non só a unha, non proporán eliminar os topónimos que fan referencia a deuses celtas como Brandomil (Bran), Samos (Samas) ou incluso Lugo (Lugh) aínda que este sei que está máis discutido. Renunciar a este pasado creo que concordamos non faría moito por reforzalo. O mesmo acontece cos nosos santos. Eu non imaxino a miña terra sen as romarías de San Bento, O San Campio, Santa Minia ou Santa Mariña, sen contar todas as nosas virxes milagreiras. Será unha Galiza moi laica, moderna e afrancesada, pero carente de maxia, beleza e sen engado ningún. Ademais sería como arrenegar do noso pasado e se comezamos o proceso este non vai rematar aí, pois se acostumamos a borrar o que non nos parece moderno ou cool, quen nos di que non imos renunciar tamén ao idioma ou a outros trazos da nosa forma de vivir. As gaitas dan mellor na romaría que nun macrobotellón ou nunha disco, ao igual que comer polbo ao xeito tradicional ou bailar muiñeiras. Nesas romarías eu escoito moito máis galego que nos ateneos laicos, ou cando menos ese tan musical español deturpado polo galego que tan ben describe a profesora Pilar García Negro, propio de rezos e ladaíñas. No seu momento os nacionalistas galegos non defenderon a tradicional festa de Santos, chea de tradicións, pensando que a xente ia volver en masa ao Samaín, e o que temos é o Halloween cos seus pallasos asasinos.

No ámbito cultural, goste ou non Galiza foi e segue a ser en boa medida unha nación católica (supoño que quererán borrar tamén os nosos católicos escudos) igual que o foi celta e romana. Parece como se nos avergoñásemos dalgúns pasados nosos e queiramos disimulalos ao igual que moita xente antes intentaba camuflar o acento ou deturpar o apelido para parecer menos galego e ser aceptado pola “xente fina”. Antes non era estraño que algunha desta xente tivese vergoña de pais ou avós galegofalantes para dar unha imaxe de vir dunha familia que falou castelán de “sempre”. Parece que o proceso se repite agora. Pero é que ademais é nha inxustiza. Esas parroquias foron conformadas e conservadas ao longo do tempo pola Igrexa, e conservan o nome tradicional asociado a un santo e un santuario, que en moitas ocasións era lugar de culto dos antigos habitantes da Galiza. Se fose polos laicos eses lugares serían agora magníficas granxas eólicas ou centros comerciais de deseño. De momento cos nosos lugares sagrados aínda non se atreven e respéctanos.

A axuda dos santos nunca está de máis, incluso para non perder a nación galega. Non renunciemos a eles.

Comentarios