Opinión

O ocaso da axenda 2030

Chamoume a atención que no conflito entre China e os Estados Unidos desatado pola visita de Nancy Pelosi a Taiwan unha das sancións que os chineses estabeleceron contra os norteamericanos foi suspender os diálogos sobre o quecemento climático. O lóxico nestes casos son sancións comerciais, que tamén se impuxeron, ou represalias diplomáticas en ámbitos militares ou políticos, pero nunca vira que o cambio climático puidese ser obxecto dunha represalia política. O desafío climático debería ser unha preocupación para todos os habitantes da terra, dado que as consecuencias máis temíbeis afectarían a todos os humanos, pero parece que o cumprimento dos tratados é unha sorte de compensación aos americanos por algún acordo estratéxico pero que non se fai de boa gana, e moito menos por propia vontade. Aos feitos nos remitimos e China está a tomar poucas medidas para garantir os distintos acordos climáticos que asinou, cando non fai todo o contrario e abre novas plantas de xeración de enerxía eléctrica alimentadas por carbón. Supoño que o presidente Xi está tan ben informado das consecuencias dos seus actos como calquera gobernante occidental e que os seus científicos están tan cualificados como os nosos, polo que a súa postura só pode deberse a desinterese ou que considera o cambio climático unha teima dos países occidentais á que pode sacar partido político ou económico, ben para vender o seu cumprimento ou para ameazar con non facelo. Se non o fai todos os obxectivos 2030 van ficar en nada aínda que nos esforcemos.

O outro punto de inflexión é tamén consecuencia derivada das sancións, neste caso das ordenadas por Rusia como represalia ás impostas pola UE, e que implican unha reformulación do noso mix enerxético. Non só a recuperación do gas é a ampliación de vida útil das centrais nucleares senón tamén a recuperación do combustíbel fósil na xeración de electricidade, en especial o carbón. En principio véndese como unha medida temporal mentres duren as circunstancias excepcionais derivadas da guerra, pero todo apunta a que han ter maior permanencia no tempo que o que se está a dicer. Primeiro porque os cambios de mix requiren garantías de certa duración no tempo para acometer os investimentos necesarios tempo para que as empresas decidan renovar as súas plantas de produción e segundo, porque perdemos o senso de urxencia que xustificaba as medidas de transición. Se no seu momento embarcamos no proxecto de mudar as formas de producir enerxía foi porque se nos dixo que non quedaba xa máis tempo antes de que as consecuencias daniñas do quecemento se convertesen en irreversíbeis, era necesario actuar non só con contundencia senón de forma inmediata.

Os atrasos na transición enerxética estanlle a sinalar á cidadanía que o problema climático é algo secundario con respecto a outros posíbeis problemas como a paralización da industria ou os cortes no subministro, isto é, aos primeiros problemas detectados suspéndense as medidas. De aí que certos colectivos ecoloxistas defendan manter as políticas de transición aínda que teñamos que sufrir custos da enerxía muito máis elevados ou desindustrializar parcialmente as nosas nacións. Pérdese por tanto o senso de urxencia que xustificaban as medidas. As restricións teñen tamén consecuencias para as políticas de mobilidade, pois nun escenario de posíbel escaseza eléctrica, coas restricións ao consumo que levan asociadas, é moi difícil xustificar a transición cara a vehículos eléctricos que non só incrementarían a demanda enerxética nestes momentos senón que colocarían a sociedade nun grave risco no caso de que se den cortes de subministro. Creo que coma case sempre os investidores están a marcar o futuro como pode verse na rendibilidade dos fondos verdes.

Comentarios