Opinión

O engado do PSOE

Lin con moito interese a entrevista que Alberte Mera fixo neste xornal ao señor Partal, director de Vilaweb, porque aborda o tema do estraño engado que teñen os socialistas españois sobre todas as forzas de esquerda, sexan estas as coñecidas como rupturistas e as nacionalistas, a pesar de que o trato que estas reciben daquel non sexa precisamente bo. O certo é que no que se refire ao goberno do Estado os socialistas teñen sido quen de neutralizar e esfumar as propostas de Unidas Podemos, forzar o seu cambio de liderado e deixar o partido como un apéndice do Partido Socialista. O certo é que os socialistas foron sempre moi hábiles no tratamento dos partidos comunistas, véxase o caso do Partido Comunista de Francia, queimado no goberno e, unha vez desprestixiado diante dos seus, logo lanzado del por Mitterrand. Dende entón non volveu levantar cabeza. Algo semellante lle está a acontecer aos rupturistas españois, mais estes seguen a apoialo sen fisuras case fascinados polo apelo dos socialistas.

Se na esquerda isto pode ter algunha lóxica, pois comparten algúns ideais e proxectos, máis estraño resulta no caso dos nacionalistas de esquerdas, especialmente os cataláns, que a pesar de apoiar case incondicionalmente os socialistas, como ben sinala o señor Partal, non teñen acadado ningún beneficio deste apoio, alén dos indultos que foron unha sorte de regalo envelenado que lles fixeron.

Non só non lles dan nada senón que os asedian con astutas manobras como as do investimento multimillonario no aeroporto do Prat (que intúo non tiñan intención ningunha de facer), coa consecuencia de dividir o nacionalismo no goberno e dar a imaxe de que non controla nen o seu proprio goberno. Desta forma a esquerda nacionalista catalá chegará ben debilitada á súa mesa de negociación e o presidente do goberno terá a escusa perfecta para non darse por obrigado pola mesma. No improbábel caso de que acorden algo claro está.

O certo é que o PSOE é unha máquina política política moi respectábel. Ten presenza territorial, está ben cohesionada e de momento cun liderado claro. Ten un “aparato” experimentado, bos cadros e intelectuais orgánicos que difunden as súas teses en medios de comunicación de grande alcance. Ademais representa unha imaxe de España “moderna” supostamente tolerante cos feitos diferenciais e avanzada en moitos ámbitos, pero non menos “española” por isto. Pero eu acredito que o principal dos seus logros é o de seren capaz definir os marcos ideolóxicos, o que en política chamamos co barbarismo de herestética. O señor Partal sinálao moi ben na entrevista. Os socialistas conseguiron evitar calquera pacto posíbel entre os nacionalistas e as forzas da dereita española, non só evitalo senón impedir sequera que se pense nesa posibilidade. En principio a unha forza nacionalista consecuente debería serlle indiferente quen goberne no Estado, sempre e cando atenda as súas reivindicacións, pero con esta estratexia os partidos nacionalistas, en especial os de esquerdas vense de feito obrigados a apoialos, gosten ou non, baixo o pavor a que volva á “caverna”. Pero algún haberá que debater con feitos e non só con percepcións quen se ten revelado como máis comprensivo cos feitos nacionais hispanos, se as esquerdas ou as dereitas democráticas. E sobre todo con quen hai máis potencial de poder facelo no futuro. Igual levábamos algunha sorpresa. Pero mentres sigamos neste marco o PSOE terá moitas bazas para seguir no goberno. Esta é súa grande habilidade.

Comentarios