Opinión

Next generation

Son moitas as expectativas creadas polos fondos que a Unión Europea (UE) vai destinar á recuperación económica dos países europeos polos desastres económicos a causa da pandemia. Eu non teño moitas, en cambio. Non teño moita confianza nin nos mecanismos de expansión monetaria para a recuperación (ogallá se puidese recuperar unha economía ou medrar coa simple emisión de moeda, pois non ficaría pobreza na terra), pois nunca acreditei nas medidas keynesianas de expansión (supoño que os irmáns marxistas concordarán comigo, se Marx tiña algunha cousa boa era que non foi nunca keynesiano nin acreditou na ilusión monetarista). Esta bomba monetaria o único que pode conseguir é distribuír as rendas entre pequenos aforradores e asalariados en beneficio das empresas beneficiadas por tan expansivo programa, denominado nunha lingua que non é oficial na UE (como moito cooficial en Irlanda).

Tampouco gosto moito da forma en que tal axuda é realizada, isto é, a través da mutualización da débeda a nivel europeo, ao contrario da maioría da opinión publicada que o ve como un gran paso na construción europea. Os que coñecen un pouco de historia saben que esta estratexia foi a que se usou despois da independencia dos Estados Unidos (pena que a xente esqueza que este foi o primeiro documento político no que se xustifica a secesión dun estado e que serviu de modelo para as independencias de ducias de nacións no mundo) para centralizar o poder en Washington e quitarllo  con argucias aos estados que formaban a primoxenia Unión. Hamilton e seus secuaces sabían que creando unha débeda común a todos os estados estes terían moito máis difícil separarse do incipiente estado federal ao estar ligado polos lazos invisibles  da responsabilidade mancomunada. Moito me temo que os actuais gobernantes da UE si que saben isto e non é só a recuperación o que buscan senón máis ben consolidar o maltreito proceso de integración europeo. Mais tamén intúo que a estratexia vai ter o éxito que tivo a centralización europea na compra das vacinas. Isto é, ningún.

Pero o que mais me desalenta deste proxecto e que é radicalmente inxusto. É un proxecto que prima determinados sectores económicos aos que se considera punteiros e marxínase o resto obrigando a gobernos e comunidades autónomas a seleccionar cales serán os sectores que marcarán o noso futuro económico. Isto pódese intuír pero de ningunha forma está garantido que sexan estes sectores en concreto os que o fagan. Só temos que ler os informes de prospectiva que se facían hai vinte ou trinta anos a respecto do noso país para ver se acertaron ou non. Por exemplo, hai trinta anos sectores como o téxtil eran considerados como “maduros” e sen porvir, cando hoxe é un dos principais na Galiza. Despois tamén ocorre que eses sectores de vangarda xa acostuman a estar ben financiados a día de hoxe e son probablemente os que precisen menos destas axudas. Ademais as condicións que facilitaron a emerxencia deses sectores non poden ser imitados facilmente. Isto é, non é doado transformar un mariñeiro nun deseñador de robots nin un taberneiro nun programador de APP. O normal é que evolucionen e se transformen dentro do seu propio sector como xa o están a facer. O normal de achegar axudas sería para facilitar a transformación dos sectores propios do país especialmente os máis danados pola crise, que son os que máis o necesitan e non sectores de ilusoria vangarda.

Todas estas axudas parecen máis froito de lobbies comunitarios que de atender as verdadeiras necesidades do país. A proba está en que nada disto se fixo antes da pandemia, cando as circunstancias económicas si que o permitían.

Comentarios