Opinión

Neoliberalismo, Unión Europea e vacinación

Observo con agrado as reflexións que se fan neste xornal sobre o neoliberalismo como as do profesor Alberto Blanco no suplemento da fin da semana. É unha temática da que gosto moito, e as súas reflexións, moi ben razoadas, dan moito no que pensar e dende logo inspiraron a temática deste artigo. Mais non é neoliberalismo todo o que aparenta selo. O xeógrafo Jamie Peck di nun dos seus traballos sobre este tema que o problema deste concepto é que con frecuencia é usado máis como un insulto contra calquera idea identificada como de dereitas que como unha descrición de políticas concretas (non é o caso do sr. Blanco pero si o de moitos críticos destas ideas). E á hora de facer uso do concepto tampouco é que sexan moi fieis ao ideario orixinario do seus fundadores en Viena (Friedrich Hayek), en Friburgo (Wihelm Ropke) ou en Chicago (Milton Friedman) cuxo pensamento é máis complexo do que moito comentaristas parecen supor.

Isto vén a conto porque en moitas ocasións a Unión Europea é pintada como unha sorte de monstro neoliberal, cando pola contra non é máis que unha sorte de monstro tecnocrático de raíz francesa matizada un pouco pola tradicional aversión á inflación dos banqueiros centrais xermanos (agora parece que algo menos aversos). Varios dos fundadores do neoliberalismo como Ropke advertiron no seu momento contra dela ao igual que o fixeron contra o FMI e o Banco Mundial, que moitos parecen esquecer que foron un deseño keynesiano. A prova de que moi neoliberal non é podemos atopala en dúas decisións recentes tomadas pola comisión europea.

A primeira foi a de centralizar a compra das vacinas na Comisión Europea. Parece unha idea tomada polos mesmos que decidiron centralizar no Goberno español a compra dos insumos necesarios para confrontar a pandemia na súa primeira fase, é polo que se ve con idénticos resultados. Esta forma de contratar ten máis que ver cunha xestión económica de formulación central, do estilo que adoitaba seguir en Francia Pierre Masse, comisario xeral do plan na etapa dirixista da súa economía nos anos 50, que cunha fórmula de mercado capitalista. Esta optaría por descentralizar as compras o máis posible e deixar funcionar o mecanismo dos prezos. Coidado, pode estarse en desacordo con esa fórmula neoliberal, pero dende logo que non foi a aplicada pola Comisión. Tampouco o feito de que o pacto centralizado de compras se teña levado a cabo con empresas afíns aos gobernantes europeos parece ser por tanto moi neoliberal. Descoñezo as razóns polas que se negociou con esas empresas en concreto pero dende logo a decisión non parece dar resposta aos principios do laissez faire ou do libre xogo da oferta e a demanda. Parece ter que ver máis con lobbies que coa liberdade de escoller.

A segunda decisión, a de impedir ou dificultar o acceso das vacinas chinas, rusas ou incluso as indias, tampouco parece especialmente librecambista, máis ben parece un exercicio de proteccionismo comercial, xustificado teoricamente non na protección de industrias non competitivas senón da saúde. Un goberno neoliberal deixaría importar á vontade as vacinas que tivesen xa sido testadas con éxito e non retrasaría ou impediría a súa comercialización e dende logo non pretendería protexer a non se sabe que industrias. Tampouco usaría a saúde da xente para facer experimentos de xeopolítica. Ao final, moito me temo que hai máis neoliberalismo no goberno chinés (algo que xa apuntara David Harvey na súa Breve historia do neoliberalismo) ou incluso no ruso, que comercializa súa vacina a través dun, este si ben neoliberal, fondo soberano.

Comentarios