Opinión

Sobre a nacionalización de Alcoa

Odesgraciado pero non imprevisto feche parcial da empresa Alcoa con todas as súas consecuencias para os seus traballadores e para a Mariña está a abrir o debate sobre unha posíbel estatalización (mal chamada nacionalización) das súas plantas. Aínda entendendo a carraxe, non parece unha medida acertada a de facer que quen tanto contribuíu a facer posíbel este resultado sexa agora presentado como o seu salvador. Levamos anos oíndo falar do perigo de feche das plantas, e reclamando unha tarifa eléctrica adecuada ás necesidades deste tipo de industrias sen que o Goberno español teña feito nada como para confiar agora en que vaia tentar salvar nada. No mellor dos casos sería unha estratexia para gañar tempo e desmobilizar os afectados para logo lentamente deixala esmorecer tras ofrecer vanas esperanzas. Como xa puidemos observar en tantas e tantas ocasións, este tipo de industrias van sendo pouco a pouco despezadas até que rematen na súa liquidación ou nalgún proceso de reconversión industrial.

O Goberno español xa tomou a súa decisión. Só hai que ver os beneficios que o Goberno da esquerda española prometeu aos investidores en enerxías "limpas" (para isto sempre hai diñeiro), que inclúen garantías de beneficios moi elevadas durante un prolongado período de tempo, para decatarse de que non hai ningún interese en dispor de enerxía barata para as nosas industrias. Lembremos que dispor de enerxía barata é un requisito imprescindíbel para poder manter unha industria competitiva en calquera país, e moito máis en industrias altisimamente dependente dela como é o caso de Alcoa. Os lobbies verdes españois gañáronlle politicamente a man aos vellos sectores industriais xa en declive e coa cooperación non disimulada de partidos autoproclamados de esquerda e obreiristas pero que no fondo traballan non sei se sabendo ou non as ordes do mundialismo verde para reducir "a pegada de carbono", o cal é lexítimo, pero sempre e cando as consecuencias de tal defensa sexan asumidas, e son o feche de plantas como esta e outras que virán. Polo menos os verdes españois coherentemente aplaudiron o feche das nosas centrais térmicas.

Unha industria electrointensiva, aínda estatalizada, que opere con esta estrutura de costes, non pode ser competitiva, e máis cos actuais prezos do aluminio, salvo que sexa fortemente subvencionada. E de querer o Estado español gastar cartos nelas xa o tería tido moi fácil antes, sen facer gasto ningún, simplemente con deixar de privilexiar as fontes de enerxía que encarecen as tarifas eléctricas. Só temos que observar como en outros países da UE como Alemaña ou Polonia os seus dirixentes si apostan pola súa industria e por sectores produtivos, fornecendo enerxía a bo costo. Noutras zonas da terra coma Rusia ou China isto xa nen se discute. En Alemaña, por exemplo, hoxe mesmo acaban de abrir unha planta nova de carbón de alta eficiencia, por certo propiedade dunha empresa estatal finlandesa. En Polonia están a facer máis ou menos o mesmo. Aínda vai ser que son as dereitas a última esperanza das clases traballadoras.

Comentarios