Opinión

Nacionalismo equino

Gostei moito coa lectura dunha reportaxe feita polo señor Carrazoni, redactor desta casa, na que se louvaban as virtudes do cabalo de pura raza galego. E gostei moito porque nel vexo reflectidas as vellas visións dos teóricos clásicos do nacionalismo galego arredor da natureza. Primeiro porque gaba as características dun animal ben aclimatado ás terras e montes galegos, manifestando orgullo por tan nobre animal e segundo porque resalta as bondades que ten tanto para a nutrición como para a economía dos galegos a preservación do noso cabalo ancestral.

Os galeguistas da Xeración Nós eran moi conscientes de necesidade de conciliar o amor á natureza co adecuado aproveitamento da mesma en beneficio dos habitantes da nosa terra. E eran tamén ben conscientes da necesidade de levar o nacionalismo a ámbitos distintos dos considerados máis serios como a lingua ou a historia, a ámbitos aparentemente máis banais como o do orgullo polos animais e plantas da nosa terra. Aínda hai pouco lin un estudo do politólogo experto en nacionalismos Sinisa Malesevic sobre a habilidade dos irlandeses para aproveitar para súa causa moitos elementos da súa cultura inmaterial, como o estilo de danza creado polos católicos irlandeses na súa loita contra a opresión británica, ou a propia xoiaría con todo un rico repertorio de cruces e símbolos celtas que foron exportados a todo o mundo pasando polo deseño de tabernas e pubs e que contribuíron a incrementar o orgullo nacional da nación irlandesa. E, por suposto, o seu uso da relixión católica sen a cal o seu movemento non tería triunfado e sen a cal o noso moi probabelmente non triunfe.

Os nosos galeguistas eran ben conscientes da necesidade de ter en conta a fauna e a flora da nosa terra na construción dun proxecto nacional .Na Misión Biolóxica da Galiza radicada en Pontevedra, por exemplo, científicos como Cruz Gallástegui investigaron a creación de especies de millo adaptadas á realidade do país. Veterinarios como Rof Codina, en Lugo, cruzaron exemplares de vacas autóctonas e outras procedentes do norte de Europa para criar unha sorte de vaca “nacional” galega, a famosa vaca rubia, como ben amosa unha tese doutoral recente de Diego Conde na que se combinan historia agraria e ciencia veterinaria. E

sta raza de vacas foi concibida para combinar as necesidades de carne, leite e traballo dos labregos galegos e adaptada ás condicións xeográficas do país (e como ben se apunta na tese ou nun escrito de João Aveledo tiña tamén implicacións políticas a de crear unha sorte de animal de referencia da Galiza de acordo coas teorías nacionais da época). Intentos de conservar porcos como o celta, castes de vacas autóctonas como a cachena ou de recuperar cans como o de palleiro ou o de Castro Laboreiro, tamén documentados polo señor Aveledo, van nesta liña.

A creación de animais “nacionais” non ten nada de particular pois todas as nacións tentaron ou tentan facelo. Véxase, por exemplo, a creación do famoso pastor alemán, froito do nacionalismo da época, ou a exhibición que fan os españois dos seus magníficos cabalos, touros ou porcos, aínda que salvo algún can como o mastín español non adoitan usar o nome de español senón o de ibérico. O noso caso non é unha excepción e na liña do bo galeguismo os nosos veterinarios buscaron combinar os trazos autóctonos cos do seu aproveitamento económico, como a cuestión dos cabalos e as vacas ilustran ben. Ese tipo de esforzos necesitan continuidade pois conservar a nación precisa de manter seus valores materiais ou inmateriais en todos os ámbitos.

Comentarios