Opinión

Nacionalismo económico

Son moitos os factores que historicamente poden axudar a conformar unha nacionalidade. A lingua, unha historia característica, a xeografía ou a relixión constan entre os máis destacados, e se todos eles actúan conxuntamente o éxito da causa nacional está practicamente conseguido. Iso si os teóricos da nacionalidade nos seus discursos e tratados adoitan destacar algún deles e situalos como seu eixo central. A centralidade de tal risco adoita estar moi influída polas ideas imperantes na época. No caso galego podemos ver como os primeiros teóricos, como o agora conmemorado Murguía, ou Benito Vicetto, situaban a historia con moito énfase no celtismo, na xustificación das reivindicacións nacionalistas. Logo vemos que, nunha época na que a cuestión racial era central en todo o espazo cultural occidental, Risco incide moito nela, aínda que non en exclusiva, a hora de definir a nación galega. Otero faino coa xeografía, e Castelao e o nacionalismo de posguerra ata hoxe céntranse na lingua como trazo propio esencial. Pero todos eles esquecen o factor económico na nacionalidade. Non quero dicir con isto que non se teñan feito análises económicos na Galiza e sobre Galiza, que os hai e que son moi bos, senón que non se ten resaltado a economía como factor relevante no movemento nacional. Isto é, a economía como factor catalizador da mobilización política. Nin se teñen elaborado tampouco estratexias nin discursos teóricos ao respecto, a pesar de ser un factor central en moitos movementos nacionalistas.

Moitos movementos nacionalistas de éxito, como o escocés ou catalán, basean boa parte dos seus argumentos tanto no agravio económico como na suposta mellora no nivel de vida que se acadaría cunha hipotética independencia. E son nacionalismos de pobo rico, pois a riqueza contribúe a mellorar a autoestima deses pobos e a pór en valor os seus riscos característicos de lingua, historia ou folclore. Só hai que observar o ben valorada que está a música ou a danza irlandesas desde que esta nación é rica e superou con creces a renda da antiga metrópole. Non só isto, un pobo rico ten máis medios para poder conservar e promover os seus trazos culturais diferenciais. Ninguén quere ser pobre e, por desgraza, moitos dos costumes e folclores dos pobres son rexeitados incluso no marco do seu propio pobo. Un exemplo bo témolo entre nós mesmos co caso portugués. O feito de Portugal non ser un país punteiro a nivel europeo xogou moitas veces en contra do potencial do nacionalismo galego. Xa temos ao noso carón un país independente e soberano sen que lle valera de gran cousa súa soberanía, pois aínda tiñan peores indicadores ca nós, como de pouco lle valeu a moitos antigos territorios africanos ou asiáticos tras os procesos descolonizadores do século XX. E acredito que boa parte do desinterese que moitos galegos amosan pola reintegración ortográfica co resto da lusofonía ten moito que ver con este feito.

Con todo, rara vez escoitamos, a diferenza do nacionalismo dos anos 20 e 30 do século pasado, un discurso que chame ao desenvolvemento económico da Galiza, que puidera servir precisamente para reforzar noso sentimento nacional. O discurso do atraso e o colonialismo interno pode ter boa parte de razón, pero dende logo non é boa estratexia para defender o discurso nacional, pois contribúe moito a destruír a nosa xa cativa estima. Case ninguén quere identificarse cun atrasado e buscará por tanto imitar o colonizador, como hai tempo que se sabe. O que acontece é que para acadar ese desenvolvemento hai que optar por medios capitalistas, que son os únicos que o poden conseguir, e isto parece non ser moi popular en certos ámbitos do nacionalismo galego.

Comentarios