Opinión

Nacionalismo e desenvolvemento económico

Relendo textos sobre o marxismo e a cuestión nacional para os artigos que teño feito descubrín no libro de Salomón Bloom sobre o problema nacional en Marx unhas afirmacións do mozo Marx dos tempos nos que andaba enleado coa Cábala, pero que me resultaron moi suxestivos. Falaba o entón novo filósofo da importancia que o éxito dun sistema económico ten sobre a supervivencia e florecemento dunha civilización nacional. Os grandes logros culturais ou civilizatorios non garanten a supervivencia da nación mentres que si o faría o dinamismo económico e industrial da mesma, sinala o mozo teórico. Marx compara o dinamismo cultural da Provenza medieval (que chegou ata comezos do s. XX e contou incluso cun premio Nobel as súas letras na persoa de Frederic Mistral) coa relativa escaseza de produción cultural da Francia setentrional. E de forma premonitoria advertiu de que pouco lle ían valer eses logros fronte ao potencial económico e industrial do norte. Por outra banda, teóricos dos movementos nacionalistas como Ernest Gellner no seu bro sobre nacións e nacionalismos enfatizan tamén na relación entre movementos nacionalistas e modernidade industrial, incidindo en que dificilmente un movemento nacionalista triunfa en ausencia dunha forte base material que o sustente. Sen ser Gellner marxista coincide con esta escola na importancia dunha sorte de “materialismo histórico” nacional que explique o éxito de determinados movementos nacionais na historia.

Eu non son marxista nin materialista histórico, pois acredito máis na importancia das ideas que na base material da nación e entendo, por tanto, que unha nación pode ser defendida ou subsistir con independencia das súas condicións materiais, simplemente por vontade ou resistencia da cidadanía, mais non pode deixar de recoñecer a forza dos argumentos destes e de autores na súa liña.

Unha sólida base material non só evita que os nacionais teñan que desprazarse a outros lugares para conseguir boas condición laborais, o que sen dúbida permite manter a base demográfica ou incrementala de ser o caso, senón que dota os seus habitantes de certo orgullo ao non ter que depender de ninguén para poder vivir dignamente. Ese orgullo transmítese as propias institucións, tradicións ou trazos culturais do país. Non é pois de estrañar que boa parte dos nacionalismos con éxito (salvo aqueles como o irlandés, que deriven dun maltrato sistemático e moitas veces violento das nacións oprimidas) teñan lugar non nas zonas pobres dos estados senón nas súas zonas máis prósperas, como acontece en Cataluña ou Flandres ou como aconteceu no seu momento en Eslovenia ou nas nación bálticas da defunta Unión Soviética. A riqueza material permite ter recursos para garantir medios culturais ou de comunicación que poidan preservar a un bo nivel a cultura. Pódense financiar xornais, música, teatro ou incluso cinema ao tempo que se pode manter dignamente a profesores, científicos, escritores, bardos e contacontos como os que me acompañan nestas páxinas e que permiten manter viva a tradición cultural da nosa terra e transmitirlla ás novas xeracións.

O profesor López-Suevos gostaba de recalcar nas súas aulas que se Portugal fose Holanda Galiza sería Flandres para apuntar no aquí dito. Un dos problemas que sempre tivo o nacionalismo galego foi a constatación evidente de que se pode perfectamente ter un peor nivel de vida económico sendo independente e isto puido botar para atrás moitas tentativas de mobilización política e cultural. É tempo xa de que o nacionalismo galego comece a discutir cales son os modelos de desenvolvemento adecuados para poder ser unha nación rica e próspera que nos permita evitar a maldición a que Marx se refería. E cómpre para isto comezar a ollar o que fan e fixeron os países exitosos da nosa contorna.

Comentarios