Opinión

Nacionalismo banal ou banalidade do nacionalismo

Cando era novo gostaba de mercar sempre a vella A Nosa Terra. O que máis interese me tiña non eran os grandes debates sobre a organización política do Estado español e os debates sobre cal ía ser o futuro sistema económico da nosa terra cando esta fose libre. Non, do que máis gostaba era dos pequenos debates que se daban ao redor da cultura galega e que daquela eran moi intensos. Debates, por exemplo, sobre se a gaita galega debía levar ou non roncón, ou se os gaiteiros debían ir sos ou formar parte dunha banda. Ou os míticos debates entre lusistas e isolacionistas sobre a ortografía na que debería grafarse a nosa lingua, ou cos nacionalistas marxistas sobre a estrela da bandeira, ou se era permitido ou non escreber en castelán para un nacionalista. Eran debates banais, isto é, sobre cousas aparentemente pouco importantes pero na verdade si que o eran, pois amosaba que o nacionalismo galego estaba vivo e tiña necesidade de clarificar estes e outros pontos. Eran debates sobre algún principio secundario ou algún pequeno aspecto, pero, como contan que dicía Chesterton, os debates fundamentais son os que son por unha letra ou unha palabra. Só unha ideoloxía viva e en crecemento mantén este tipo de debates, da mesma forma que as grandes herexías e cismas do cristianismo déronse cando este estaba medrando, non cando comezou a esmorecer.

Agora estes debates bótanse de menos. Os debates actuais, non menos banais e precisamente por isto de grandísima importancia, correspóndense non con temáticas da modernidade senón da posmodernidade líquida. Observemos os debates, por exemplo no feminismo, son case todos de este tipo, e isto amosa tanto a vitalidade da idea como a enorme riqueza e variedade de pensamento que se produce neste ámbito. As disputas son aquí tamén proba da súa vitalidade.

O nacionalismo galego parece ter perdido a capacidade de debate. Xa non é que non discuta con seus rivais ideolóxicos do españolismo, algo que servía para afinar os argumentos e para cohesionar a causa, o peor é que xa non discute nen consigo mesmo. Os debates neste ámbito son os mesmos que se dan no ámbito da esquerda española ou mundial sen aportar nen un matiz proprio. Isto en principio non ten por que ter nada de malo pero amósanos dúas cousas moi importantes. A primeira é a de decatarnos de quen é quen forma a axenda mediática a día de hoxe. A globalización, como podemos facilmente constatar, non é so de fluxos financeiros ou de comercios de mercadorías, senón tamén de ideas e quen as controla determina tamén cales deben ser as materias a debater en todo o mundo, con independencia das súas características proprias. E debater sobre temas da modernidade como a cuestión nacional non parece ser moderno. E segundo, e debido, con alta probabilidade, ao anterior, amosa a falta de vitalidade do discurso galeguista, que non foi quen, como en Cataluña, de resistir a presión mediática e conformar un discurso autocentrado que voltou a pór en valor este debate. O que intúo é que ou voltamos ao nacionalismo banal ou o que vai ser banal vai ser o propio discurso nacional.

Comentarios