Opinión

É o momento de desmantelar a NATO

No momento en que escribo todo está a apuntar que chegou a Némesis rusa. En case todas as guerras hai o que se chama efecto Saratoga, polo nome de tal batalla na guerra de Independencia dos USA, e que consiste nunha sorte de invisíbel punto de inflexión que precipita o fin da guerra cara un dos bandos. Detectalo require de certa sutileza pois non é algo perceptíbel no momento e normalmente exprésase nalgunha pequena vitoria ou nunha resistencia inesperada nalgún punto que fai ver as potencias non combatentes cal pode ser o ganador, e entón todas elas corren no seu auxilio ata que a profecía acaba en autocumprimento. Este momento creo que está moi perto de cumprirse en Ucraína, e a pesar do que todos pensan, vai acabar coa vitoria, con todos os matices que se queiran, dos ucraínos. Todo aparentaba o contrario pero os últimos días coa chegada da sofisticada tecnoloxía do gran capital en forma de HIMARS, sen posíbel resposta convencional por parte dos rusos, todo apunta unha pronta retirada dos agresores. É polo tanto o momento de pedir o desmantelamento da NATO, por innecesaria e, en consecuencia, por ser un actor mundial potencialmente moi perigoso para a paz.

Cando comezou a guerra xa sinalei que un dos principais erros de Putin estaba a ser o do fortalecemento da NATO, corroborado coa integración de dous novos países Suecia e Finlandia e coa aposta dos países membros por incrementar o seu gasto militar. E todo isto sen ter en conta que a guerra ten pouco que ver coa NATO, dado que nin a NATO está a combater de forma directa nin o propio Putin a ten moi en conta dado que está a retirar tropas das fronteiras que Rusia ten coa organización e levalas a combater a un país que nin está nin vai estar na organización. De ser esa a causa debería atacar ou ameazar a propia Finlandia ou Lituania. Tampouco a NATO, como tal, está a combater, dado que a axuda aos ucraínos faise país a país, mostrándose incluso algúns deles bastante reticentes, ao tempo que está a recibir axudas de países fóra do espazo militar, como Xapón ou Australia. Con isto quérese dicir que non é estritamente estar na organización para deseñar sistemas de defensa facendo tratados nin tampouco o é para recibir algún tipo de axuda en caso de conflito. Non é isto precisamente o que se está a vender, nin o feito de que a resposta a unha hipotética agresión poida ser modulada polo resto chegando incluso a non darse, como no caso de Ceuta e Melilla. E se ademais como é previsíbel a Federación Rusa fica desgastada pola guerra e sen ganas de meterse en novas aventuras, cal sería entón a utilidade da NATO? Que inimigo xustificaría entón tanto gasto militar? Salvo que queiran confrontar coa China, claro está que non sei en que parte do Atlántico está.

Por outra banda tampouco se adoita sinalar o feito de que este tipo de organizacións non soe reducir o número de conflitos senón a multiplicalos. Cantos máis países a integren máis posibilidade existe de que un conflito dalgún deles afecte ao conxunto, teñan ou non que ver co que se está a disputar. Así a organización pode ser usada tamén como unha sorte de apoio ás lóxicas imperiais dalgúns dos seus estados membros. Só hai que comparar o número de guerras externas e intervencións que se teñen dado nos anos que levamos na organización co dos anos antes da nosa entrada e podemos observar que o estado español volveuse moito máis belicista e intervencionista que antes. E mentres o ministro de exteriores do goberno máis progresista da historia de España xa fala de novas aventuras en Malí, que é para isto para o que realmente vale a Alianza.

Comentarios