sábado 23/01/21

Mocións de censura e o carácter da política galega

Aínda lembro, cando de estudante, as sextas feiras ao saír da facultade ir mercar a vella A Nosa Terra para lela na viaxe de volta á casa dende Compostela. Nela o grande Afonso Eiré criticaba as falcatruadas e raposerías dos caciques do PP galego. Era moi crítico pero entendíaas perfectamente dentro do marco da política galega. Dende os tradicionais carrexos electorais ás numerosas mocións de censura que estes argallaban polo territorio patrio. Normalmente o presidente dalgunha deputación (daquela, acabado de chegar Don Manuel á presidencia da Xunta case todas eran do PP) conseguía captar o voto dalgún concelleiro díscolo, case sempre do PSdG ou do BNG e promovía algunha moción de censura para colocar algún afín, moitas veces o propio concelleiro tránsfuga reconvertido despois en militante fiel do PP e ás veces recuncando como candidato do novo partido. Eran os tempos de antes.

Por isto a lectura destes días do Nós faime lembrar tempos idos, pois os temas e a forma de actuar na política galega non parecen ter cambiado nos últimos trinta anos, o que amosa certa continuidade na forma de facer política en Galiza. O relato mediático convencional pasaría a explicar estes fenómenos como unha proba do noso secular atraso e de que a política galega parece non ter remedio mentres non nos libremos deses lastres do pasado. É curioso que son moitas veces os que sinalan e critican o autoodio presente en moitos galegos os que máis se fan eco desta visión autodenigratoria da política galega. Gostaríame saber que modelo concreto de facer política debería  parecerlles o ideal e ao que se debe asemellar a nosa terra. O de París? O de Madrid?

Moitas das nosas prácticas políticas son vistas aquí como anomalías democráticas pero o certo é que ao contrario, son proba dunha calidade democrática moi superior ao noso contorno. Lembro cando era criticada a práctica de ir pedir o voto polas casas ofrecendo ao potencial votante un chisqueiro ou un bolígrafo xunto coas papeletas de voto. Obama (quen por certo gañou as primarias carrexando votos en autobuses facilitados polo cacique xefe de Chicago) usou esa estratexia na súa campaña, púxoa de moda e agora é estudada nos tratados de comunicación e márketing político co nome de canvassing e considerada unha técnica de vangarda.

As mocións de censura galegas son outro bo exemplo e obviamente sen estar de acordo coa forma en que se fan si que nos ilustran moito sobre a nosa forma de entender a política. Primeiro vese como o máis normal do mundo que un político da esquerda, da extrema esquerda ou do nacionalismo pase a apoiar unha moción do PP e incluso pase ao pouco tempo a militar nel. Pola contra ese mesmo político entra no PP sen que haxa queixas entre os militantes do mesmo. Tamén o ven como unha cousa non fora do común. Por último as críticas van dirixidas á falta de lealdade do tránsfuga pero non á súa viraxe política, pois como xa temos comentado a lealdade partidista na Galiza é moi laxa e é frecuente pasar de militar no nacionalismo e pasar ao PP ou menos frecuente pero tampouco estraño, á inversa. Isto o que amosa é unha forma de facer política moi civilizada e moi pouco ideolóxica libre das tensións que se dan noutros territorios, e que queren, eu considero, unha forma moi civilizada de facer política da que outros deberían aprender.

Mocións de censura e o carácter da política galega
comentarios