Opinión

Mentalidade derrotista e superpotencia

Lin con interese a semana pasada un moi interesante artigo publicado nestas páxinas de Ramón Grosfogel, profesor en Berkeley, sobre a cuestión da guerra en Ucraína. Nel faise referencia a planos publicados pola axencia Rand, vencellada ao estamento militar norteamericano, para debilitar a influencia xeopolítica da Rusia a través do acoso para que esta comezase unha guerra que non puidese financiar e levala de novo a implosión como superpotencia. Consultei o documento e é, en verdade, un plano ben detallado e cheo de propostas nese senso, dende armar a Ucraína a cambiar de réxime en Belarús ou rodeala de estados hostís (algo que xa propuxera no seu momento Zbigniew Brzezinski no seu libro sobre o gran taboleiro mundial). Isto amosa que o brazo militar e político do famoso gran capital preocúpase de estudar as súas ameazas e elaborar planos e estratexias para confrontalas. Valora moitos escenarios e fai propostas concretas de actuación política e, de ser o caso, militar. Toma en serio o seu traballo e faino ben. Pero o autor do artigo en Nós Diario tamén permite ver algo que deixa en moi mal lugar os correspondentes aparatos de intelixencia e de xeopolítica rusos, o feito de que, a pesar de estar o documento publicado en aberto e ser de fácil acceso dende calquera computador, os rusos fixeron todo o que os esbirros do gran capital tiñan previsto.

Os rusos iniciaron tal e como prevían os expertos da Rand unha guerra de desgaste que pode levalos non só á súa ruína financeira, a un cambio de réxime en Moscova, senón a súa descomposición ou fragmentación. Tal feito ten, ao meu ver, dúas posíbeis explicacións. A primeira, e non descartábel, a de que os expertos en intelixencia do goberno ruso nin se molestasen en consultar o estudo ou, de facelo, que non tomasen ningunha medida de corte estratéxico para eludir a ameaza. Poderían mudar a súa política exterior, buscar novos aliados ou ensaiar novas formas de diplomacia cos seus veciños, como acordos comerciais ou achegamentos culturais buscando ser máis atractivos en vez de ser máis temidos, por exemplo. Desta forma poderían frustrar as estratexias dos occidentais. A segunda, que é a que parece sinalar o noso profesor é a de que os designios do gran capital son inexorábeis e nada se pode facer para evitalo. Os rusos terán que facer o que os seus inimigos decidiran.

Está é unha visión que observo en moitos intelectuais de esquerdas, máis concretamente nos que son de tradición marxista (non sei se o señor Grosfogel o é pero aparenta selo). Influídos por visións do mundo nas que as decisións individuais non contan, todos os eventos que acontecen serían derivados de dialécticas históricas ou ríxidas leis de ferro contra as que a vontade dos pobos oprimidos nada poden facer. Tamén se caracterizan pola esaxeración do poder dos grandes fluxos de capitais, se son financeiros ou de armamento máis poderosos aínda (isto é culpa dos escritos de Rudolf Hilferding), fronte aos cales todos se renden.

Esta forma de pensar ten dous problemas. Un que leva ao derrotismo e a negación de calquera posibilidade de actuación. Así, moitos pensan que a pobreza dos países é causada por tales forzas, unha sorte das decisións tomadas por outros máis poderosos, e actuar de pouco vale. Por tanto perpetúa a situación. E a segunda é que elimina calquera tipo de responsabilidade moral por parte do suxeito a tales forzas pois só estará a facer, aínda cometendo crimes, o que os outros lle obrigaron. Curioso artigo, entón, segundo o cal, os rusos invadiron Ucraína obrigados por poderes externos, pero a vez queren xogar a ser superpotencia. Estraña superpotencia, engadiría eu, de ser certos os seus argumentos.

Comentarios