Opinión

Medidas imperiais

Leo con pracer que o goberno do Reino Unido decretou a recuperación das súas vellas medidas imperiais. Volta a ser oficial o uso da libra e a onza como unidades de peso ou a pinta como medida de capacidade ou a milla e a iarda como unidades de cálculo das distancias. Abandónanse polo tanto os insípidos estándares europeos e recupérase a propia tradición. O Brexit está a resultar mellor do que eu pensaba e xa pensaba ben del. Salvo algúns desaxustes ao principio non se produciu o caos vaticinado e o vello reino desfruta coas pompas do xubileu de diamante da súa incontestada raíña sen perder a súa prosperidade e con cifras de emprego nunca vistas en tempos recentes. E por suposto celebran as súas liturxias nacionais dentro da catedral, que para iso son, rodeados dos seus santos e reliquias históricas, e non fóra, como facemos noutros lares. Toman a serio a súa nación.

Esta medida debería servir tamén para contrastar co relativo desleixo co que tratamos os galegos aos nosos pesos e medidas tradicionais gravemente feridos primeiro pola españolización dos mesmos e rematados finalmente coa "harmonización europea" (ben peor ao meu entender ca españolización) e a chegada do euro como punto final. Xa nin en actos folclóricos ou nas numerosas festas históricas que realizamos, salvo excepcións, lembramos as nosas vellas moedas, o pataco, os reais (aínda lembro que a señora que me vendía galdrumadas usaba esta unidade de conta) ou os cans ou cadelas que antes usabamos e que aínda lembro na linguaxe popular. Sei que son adaptacións galegas das moedas hispanas, pero o que amosa é que antes aínda eramos quen de adaptar ao noso falar as denominacións que viñan impostas de fóra, pero é que agora nin iso, contamos en euros e en fraccións decimais. O mesmo acontece con medidas de capacidade como o moio, o cuartillo ou o cabazo. Aínda lembro de neno comprar viño ou aceite usando esas medidas. O mesmo acontece coas de peso como a onza ou de superficie como o ferrado por pó só algúns exemplos de medidas hoxe xa case esquecidas, excepto por algúns historiadores ou antropólogos.

A desaparición das unidades propias de medida foi en paralelo cos intentos de homoxeneización lingüística, tan ben documentados por Carlos Callón, por razóns ben semellantes e forman parte dunha estratexia coñecida academicamente como "nation building" que consiste en procesos de homoxeneización dos modernos estados-nación co fin de incrementar a súa capacidade de dominio. O historiador James Scott nun dos seus libros, Seeing like a state, afirma que moitos destes procesos buscan mellorar a lexibilidade que os gobernantes teñen a respecto das súas poboacións. Normalizan topónimos e antropónimos, instauran unha forma monetaria única para todo o estado, e intentan establecer un idioma único en todo o seu territorio, para desta forma facilitar o control da poboación por parte do estado central. Así, todos poderán ler a mesma prensa, estudar os mesmos libros, redistribuír rendas ao seu favor a través da inflación e poder deslocalizar funcionarios doutras zonas do estado sen maior problema. No caso dos pesos e as medidas serve. Ademais. para facilitar o cobro dos tributos por parte dos recadadores fiscais que non teñen así que confrontar cos variadísimos pesos e medidas con que contaba a nosa terra. E o custo non é só a perda da memoria nacional senón a perda de información derivada da homoxeneización. As medidas estaban adaptadas á realidade do lugar, non sendo o mesmo un ferrado na chaira que na montaña pois o traballo de cultivalo era distinta. Non estaría de máis imitar os ingleses e polo menos conservar na memoria as vellas unidades de conta. Por se algún día temos que botar man delas de novo.

Comentarios