Opinión

Medidas antricrise

O goberno aprobou o pasado sábado unha serie de medidas para tentar paliar o dano que está a causar a inflación nas nosas economías, particulares ou empresariais. Non serei eu quen critique as boas intencións do goberno español, máis entendo que estas ben pouco van facer para evitar os danos causados e polo menos parece excluírse, salvo no caso da bombona de butano, o que sería o peor, o tope de prezos, que causaría un dano moito maior co da propia inflación. Os controis de prezos son moi de lonxe a política pública máis antiga que existe, a máis coñecida e a máis ineficaz. Que lle digan a Diocleciano ou aos revolucionarios franceses o éxito que estas tiveron, e iso que daquela había pena de morte para os incumpridores. Se fose tan fácil fixar un prezo e que non acontecese nada... Proponse por un lado a rebaixa do IVA da enerxía eléctrica e o mantemento do subsidio ao prezo do carburante, que a todos os efectos equivale a unha rebaixa fiscal. Non son malas medidas en si, e poden compensarse co incremento de recadación que está a ter o goberno por outros conceptos. Máis non afrontan a causa real da suba dos prezos, e moito temo que de non rematar o ciclo inflacionario van ser rapidamente diluídas na suba de prezos. As subas destes prezos teñen que ver coa devaluación do euro de forma xeral, causada pola expansión monetaria e polas políticas enerxéticas adoptadas no espazo europeo en concreto, que fan que estes bens suban especialmente de prezo. Abandonamos, por cuestións medioambentais, enerxías baratas e fiábeis por outras que están a resultar ben máis caras sen discusión previa e sen advertirlle á poboación dos seus posíbeis custos, e agora hai que afrontar as consecuencias. Non se dixo que ter enerxías verdes resultaría caro para frear a oposición á transición e agora boa parte da nosa poboación e do noso tecido produtivo, en especial o electrointensivo, como Alcoa, non poden afrontar os custos dunha enerxía cara e menos fiábel no subministro. Alemaña volveu a reabrir as súas centrais de carbón para garantir o subministro e mitigar a suba de prezos, máis nós xa non podemos facelo. No petróleo, que está máis caro en termos reais que fai uns anos, temos o problema de guerra e o do refino. Como é lóxico, se informamos que no ano 2030 non imos querer máis gasóleo ou gasolina, as refinerías tomarán nota e deixan de investir nas súas plantas, ou renovar o equipamento co que cada vez custa máis a súa produción. Tamén os países fornecedores de petróleo quererán aproveitar os últimos anos que lles queden para vender seu produto antes de que perda o seu valor.

Outras medidas, en cambio, si que implican un incremento do gasto público, e son as referidas ás subvencións e cheques aos colectivos agora denominados vulnerábeis. En principio tamén poderán servir de alivio aos que máis o necesitan, pero o problema non é tan sinxelo de resolver, como se viu coa implantación do ingreso mínimo vital. Facelo ben require un custo administrativo substancial e non é tan fácil, aínda que aparente o contrario, determinar quen está e quen non nesa situación. Polo que é de presumir que aínda tardará tempo e moitos trámites levalo adiante. As medidas lineais como os 20 céntimos son máis inxustas pero máis eficaces e rápidas na súa implantación. Outras medidas anunciadas como o imposto ás eléctricas, pola contra, só revelan apresuramento por facer algo que contrarreste os malos resultados electorais. Subir os impostos a unha industria concreta non pode facerse por vinganza ou para acalmar a xente. Hai que facelo con racionalidade, e máis se esta medida sube aínda máis os prezos da enerxía. Oxalá acerten, máis vexo medidas máis efectistas que reais para frear a crise.

Comentarios