Opinión

Marxismo, neoliberalismo e nacionalismo (II)

Continuando o expresado a semana pasada cumpriría debater se o marxismo pode seguir sendo unha ideoloxía útil para o desenvolvemento dun movemento nacional galego ou para a comprensión da propia nación. O xuízo de se o foi no pasado compete á historia xulgalo, pero dende logo o nacionalismo galego actual non se entende sen el. Tamén obviaremos se o marxismo como tal é ou non unha ferramenta correcta de análise da realidade.

O marxismo é unha doutrina intelixente e defendida por xente moi intelixente, pero ten elementos que a invalidan como ferramenta acaída para explicar moitos dos fenómenos da nosa era. O marxismo non é polo xeral amigábel coa cuestión nacional, pois considéraa unha sorte de falsa consciencia que contribúe á división do proletariado. Falar, por exemplo, do cretinismo da vida rural non parece moi boa presentación en nacións como a nosa. É certo que ás veces poden considerala unha ferramenta útil para a construción do socialismo, como sería o caso da cuestión nacional irlandesa á que vían como un posíbel detonante da revolución no Reino Unido. Pero só hai que ver o que Marx escribiu sobre a cuestión nacional da India para decatarse de que non era moi partidario dela.

A excepción foron os marxistas austríacos e Lenin, que si respectou as nacións do vello imperio ruso e deulles a autodeterminación (contra o criterio da maioría do partido). Tamén contribuíu despois da Conferencia de Baku á loita contra o imperialismo. Pero esta estratexia non foi tanto para apoiar as nacións como para desgastar os imperios occidentais (os norteamericanos tamén a apoiaron). Algunhas destas políticas foron revertidas por Stalin, que non tratou precisamente ben as nacións soviéticas (tentou rusificar varias delas e outras desterrounas a Siberia). Tampouco os comunismos europeos nin os asiáticos foron moi respectuosos coas nacións que integraban os seus Estados. Pero alén de que nin a teoría nin a praxe marxista fosen moi partidarias, o marxismo pode traer outros inconvenientes aos movementos nacionais incipientes como o noso.

Principalmente introduce unha divisoria de clase dentro da propia nación. Se xa o movemento ten pouca forza, alienar as clases burguesas ou a Igrexa del non parece ter moito senso, e non só polo número senón pola perda potencial para o movemento de persoas formadas e con capacidade organizativa.

Pódese afirmar que ambas non tiñan conciencia nacional, pero tena ou tívoa algunha vez o proletariado galego? O problema vaise ver incrementado se esa divisoria de clase se lle aplica á "lingua proletaria do noso povo". Usar a lingua na loita de clases non parece boa estratexia, primeiro porque a lingua ten que ser de proletarios e burgueses como en calquera outra nación. Segundo porque identificar a clase proletaria co uso do galego se ben puido ser unha estratexia acaída noutra época, non o é hoxe, en que boa parte das clases populares, sobre todo as urbanas e as procedentes da inmigración, son castelán falantes, mentres que o galego perdura en sectores non precisamente dos máis pobres. Tampouco a idea colonial ou antiimperial, vixente na reformulación do nacionalismo galego tras a guerra, parece moi acaída hoxe, cando Galiza non é nin de lonxe a comunidade máis pobre do Estado, até o punto de que supera ou iguala en renda non só a antes "colonizadora" Castela senón moitas outras comunidades hispanas. Acredita que deberiamos ollar as estratexias "burguesas" doutros movementos como o irlandés.

Faríase necesario discutir un Bad Godesberg no nacionalismo galego. Pero iso se preservando os seus cadros dirixentes históricos e súa organización.

Comentarios