domingo 11/04/21

Marxismo, neoliberalismo e nacionalismo (I)

As moi interesantes reflexións sobre o marxismo e a cuestión nacional galega feitas en dous artigos recentes neste xornal fanme voltar a tempos, xa por desgraza idos, nos que estes temas eran de común debate e dunha altura intelectual sen comparación coa maioría dos que se dan nestes tempos da modernidade líquida. E obrigan a reflexionar e tentar argumentar sobre o que neles está exposto. Nesta cuestión en concreto gosto de diferenciar entre dous tipos de posturas teóricas e políticas. A primeira sería dos que entenden que a contradición principal se dá arredor da cuestión nacional constituíndo a postura sobre as relacións de clase unha ferramenta auxiliar para conseguir a mobilización social que derive na autodeterminación dun pobo. Isto é, aqueles que son principalmente nacionalistas e entenden que o marxismo é útil para esta causa.

O segundo grupo, ao que nos referimos nun artigo anterior como os herdeiros do vello marxismo “españolista” centran a súa loita na abolición do actual sistema económico capitalista e do sistema de clases a el asociado e ven a cuestión nacional como unha forma de mobilización social que pode ser funcional aos seus fins e que a poden usar de forma interesada. Non quere dicir que non simpaticen coa causa nacional, só que para eles é secundaria, como para os nacionalistas pode selo a loita de clases, aínda que tamén poidan ter simpatías ao respecto. Na miña opinión Francisco Rodríguez e supoño que a maioría da militancia pasada e presente da UPG (por facer referencia a unha forza política declaradamente marxista) o son. No caso do meu compañeiro de xornal é evidente.

A súa obra está centrada na Galiza, analiza a obra de escritores senlleiros como Rosalía ou Curros ou o conflito lingüístico na nosa terra. A súa actuación na política foi sempre nesta liña, contribuíndo decisivamente á creación e consolidación do BNG e do sindicalismo galego, milagres organizativos que merecen análise á parte. A súa contribución foi e segue a ser claramente nacionalista.

O debate entón debería ser outro, isto é se as ferramentas que ofrece o marxismo foron ou non as mellores para confrontar realidades como a galega e sobre todo se o seguen a ser. Primeiro habería (antes de querer combatilo) que debater se no capitalismo, incluso nas súas formas actuais neoliberais e globalizadas, son ou non un espazo hostil as demandas das nacións sen Estado. Eu creo que non. Os seus principais teóricos (teóricos, non divulgadores mediáticos) non son inimigos para nada, é máis, son partidarios dos dereitos de secesión e dos estados pequenos como Von Mises e seus discípulos (véxase o seu Liberalismo). O capitalismo naceu, como ben lembran teóricos como Eric Jones ou Jean Baechler nun contorno político altamente fragmentado, como a Europa medieval, inzado de pequenas nacións e reinos en competencia. O capitalismo está cómodo nun mundo de nacións, e á inversa, as nacións adoitan estar cómodas neste sistema pois nunca foi tan fácil para unha pequena nación acadar a autodeterminación e sobrevivir como neste mundo do capitalismo globalizado.

Agora non é preciso ter nin un espazo nin uns recursos mínimos para sobrevivir no mundo das nacións, dado que pode adquirilos nos mercados globais. De feito, o número de pequenos estados aumenta ano tras ano. O capitalismo neoliberal pode ser criticado por moitas cousas pero non por reprimir as nacións, polo que o nacionalismo galego pode perfectamente optar por opcións deste tipo, como fixeron Irlanda ou os países Bálticos, para seguir libres o seu camiño.

Marxismo, neoliberalismo e nacionalismo (I)
comentarios