Opinión

Mandato imperativo

Contan os libros de Historia que o entón rei e logo emperador Carlos V convocou Cortes na Coruña para recadar fondos para poder comprar o título de emperador. Daquela, a política era algo máis transparente que a de hoxe e acadar tal dignidade só implicaba subornar convenientemente aos príncipes electores, e quen máis pagaba quedaba co título. Era tan inmoral coma hoxe pero polo menos facíase de forma aberta e sen enganar a ninguén. Daquela tamén rexía o principio de mandato imperativo, de tal forma que os magnates das cidades con dereito a voto decidían entre eles a postura a tomar e enviaban un procurador ás Cortes para que votase de acordo co que se establecera sen ter autonomía para cambiar o voto. Aconteceu que naquelas Cortes coruñesas súa maxestade comprou a algúns destes procuradores que mudaron o voto e autorizaron o imposto contra a vontade das súas cidades. Polo que contan, ao chegar á súa cidade algún deles rematou enforcado por quebrar o sagrado principio do mandato imperativo.

Eran outros tempos e outras formas de facer política, algo máis rudas que as de hoxe. Dende o século XVIII, e seica por culpa de Edmund Burke no seu famoso Discurso aos electores de Bristol, este principio mudou polo da representación, segundo o cal por algunha misteriosa transubstanciación o procurador fica representando a nación na súa totalidade e ten liberdade de voto con independencia do programa con que fose escollido. Non hai tal cousa como que un deputado represente a nación, por lóxica representa só a quen o votaron e lle encargaron o mandato, como en calquera negocio de representación comercial ou nunha voda por poderes. A inmensa maioría dos electores non se senten representados pola maioría dos deputados no Parlamento, ou acaso un votante do BNG se sente representado por un de Vox, ou o de Vox polo de Bildu? Son ficcións xurídicas moi propias das constitucións e documentos políticos pero que non teñen nada que ver coa realidade.

Isto vén a conto co que se discute estes días sobre o voto dos parlamentarios de UPN no debate sobre a proposta de reforma laboral. Estes interpretaron o voto de acordo cos seus principios e desobedeceron as indicacións da dirección do seu partido de votar afirmativamente, o que foi moi celebrado polos partidarios de derrogar dita norma, especialmente polos partidos de oposición ao Goberno. Eu, pola contra, non o celebro e preferiría, salvando as distancias, o sistema vello. É máis, non considero positiva tal forma de actuar e creo que a dirección do seu partido ou de calquera outro atopado no mesmo caso sancionaría e expulsaría a quen así actuase. E se tivesen decencia asumirían as consecuencias dos seus actos e renunciarían á súa acta. O principio de representación non deixa de ser unha fraude á democracia e aos electores e só é grato aos rivais políticos, que bramarían indignados se quen tal cousa fixese fose un dos seus nunha votación de gran transcendencia.

Suponse (non son inxenuo de todo) que o votante valora a traxectoria dos partidos durante catro anos e logo decide o voto de acordo cun desempeño e un programa de medidas. Os partidos, á súa vez, escollen nos seus congresos unha liña política e unha dirección encargada de interpretala e executala e fanse responsábeis diante dos militantes no caso de incumprimento das súas obrigas. Ademais, son os militantes destes quen co seu esforzo ou coas súas cotizacións fan as campañas e conseguen pór no Parlamento os deputados, para que poidan despois presumir de liberdade de conciencia. Queden co escano, se queren, pero non veñan inda por riba a presumir de coherentes ou de obedecer o mandato do electores. Non o son nin o están a facer.

Comentarios