Opinión

Máis sobre as pensións de reforma

Leo sobre as mobilizacións de xubilados procurando unhas condicións xustas de reforma. Non quero debater aquí sobre as demandas do colectivo senón sobre algúns aspectos que eles reclaman e que amosan que o sistema de pensións español segue a ser un sistema deliberadamente opaco e pouco comprendido pola poboación, incluídos os sectores máis afectados pola súa xestión. Unha das súas solicitudes, por exemplo, é trasladar a xestión das pensións de viuvez e orfandade e outras análogas ao erario común, permanecendo no sistema da seguridade social so as prestacións vencelladas ás cotizacións laborais.

Isto, de ser así, implicaría que existen de feito dous sistemas, un de seguridade social coas súas propias contas e outro vencellado aos orzamentos xerais. Pero isto non é máis que un artificio contable, pois todas as pensións dependen en última instancia do orzamento xeral, e a sostibilidade destas depende da solvencia fiscal do proprio Estado. Como vimos hai pouco en Grecia ou Portugal a súa insolvencia resultou en recortes de pensións, con independencia de que os seus sistemas de seguridade social estivesen ou non saneados. Os sistemas de seguridade social tipo hispano están feitos a imitación do sistema americano tal e como o deseñou Roosevelt na gran depresión ou, se imos máis atrás, Bismarck. Ao igual que seus modelos, cando Franco en 1966 deseña o actual sistema formúlao como unha sorte de imposto ao traballo vencellado a unha pensión futura no caso de cumprir cuns requisitos de idade e cotizacións. Millóns de traballadores a cotizar e relativamente poucos a cobrar e por pouco tempo, pois a esperanza de vida era moito menor que a de hoxe, implica unha elevada recadación con pouco custo. A demografía axudaba, pois ao comezo eran case 12 traballadores cotizantes por cada perceptor de pensión. Os excedentes que resultaban eran transferidos dunha forma contable ou outra ao Estado e este gastábaos no que entendía pertinente. Ao ser un sistema de reparto, non se capitalizaban ou investían nun fondo soberano (nin sequera nun ficticio fondo de reserva composto maioritariamente por débeda pública do propio Estado a imaxe e semellanza dos USA), senón que eran consumidos.

Dende hai uns anos, e a pesar de verse liberado de cargas como a do sistema sanitario que foi transferido ao erario común, o sistema de seguridade social dá en perdas contables que son compensadas con transferencias dende os orzamentos xerais en forma de “préstamos”. Dende hai pouco tempo o sistema é cuberto non só con cotizacións, mais tamén con impostos xerais como o IVE ou IRPF (como acontece en moitos países de Europa que non teñen a idea dun sistema de seguridade social á parte) da mesma forma que antes os beneficios ían para os orzamentos agora é ao revés.

Non deben, polo tanto, os nosos pensionistas preocuparse en exceso, a pesar de todos os discursos alarmantes, pola suposta quebra dos sistema de seguridade social ou o esgotamento do fondo de reserva, pois se as fianzas estatais están saneadas haberá quen cubra as pensións. Pola contra, o que si deben temer é a insolvencia xeral da economía do país, pois se falla tamén fallará a do Estado ao recadar este menos. A súa preocupación debería ser esa é non a de querer soster un “imaxinario sistema”.

Comentarios