Opinión

Leis de cambio climático

Seica a semana pasada avanzou no trámite parlamentario a chamada Lei do cambio climático que foi vendida como un grande avance na solución deste problema global. Permitan que sexa un pouco escéptico. Contan as lendas que tanto o emperador romano Calígula como o rei Canuto o Grande de Inglaterra fixeron decretos contra as tempestades e as marés e a pesar de toda a pompa con que foron sancionadas non parece que tiveran moito éxito cos seus decretos, pois non conseguiron que estas o obedeceran. Moito me temo que o clima non lle ten moito medo ao Parlamento español e que por moita maioría que este exhiba na aprobación da lei non vai conseguir gran cousa. Que o clima pode depender en boa parte da conducta humana non se pode negar, pero temo que non basta cos cambios nela da poboación española, nin por peso demográfico nin por peso económico e por tanto de emisións. De querer facerse algo tería que ser a nivel global e en serio, e parece que hai moita xente no mundo, na China por exemplo, que non está por esta tarefa ou parecen preocuparlle máis outras cousas. Quen si o vai conseguir son determinados grupos de interese que se van ver beneficiados de axudas e regulacións e non nos escenarios catastróficos a cincuenta ou cen anos que nos presentan os que disto saben, senón máis ben a curto prazo, ben antes de que chegue a apocalipse e o día do Xuízo Final. Dende logo está ben pensado, pois se non pasa nada foi grazas ás súas medidas e se pasa foi por non ter feito o suficiente, pero por se acaso as subvencións cóbranse hoxe, non vaia a ser. Ademais son das boas, das que os pobres lles pagan aos ricos e aínda por riba dan boa imaxe de progresista.

Pero non é isto o que quería debater. A Lei do cambio climático inclúe mudanzas na Lei de costas. Non vexo moita relación entre a industria da conserva ou os cocedeiros de marisco e o clima pero parece que os expertos así o deberon determinar ou que a Lei do cambio climático foi aproveitada para outros usos. O feito que algún cargo do Goberno español declare que gostaría de ver a costa galega libre de construcións e industrias di moito por onde van os tiros. O pobo galego sempre tivo unha relación íntima co mar e a costa pero nunca o sacralizou. O mar formou sempre parte da nosa vida.

Eu non imaxino a miña sen o porto de Vigo ou sen a industria da conserva que permitiu sobrevivir aos meus antergos e aos de moitos dos que están a ler e levar unha vida sufrida pero digna. O mar e a costa eran queridos e apreciados pero non algo sagrado, senón algo que había que estaba para conservar e para facer uso del, como supoño que pensaran os galegos do interior dos bosques e das terras de cultivo. Nalgún momento do tempo isto torceuse e o mar e a costa pasaron a ser unha sorte de paisaxe especial. Os vellos da miña casa contaban que as terras de costa se lles deixaban aos fillos emigrados ou aos que non gostaban de traballar porque pouco uso de cultivo tiñan. Como moito para apañar algas e marisco para estercar os campos. Pero seica Coco Chanel puxo de moda  ir á praia e estar moreno e este costume foi imitado en moitos sectores sociais e entón a paisaxe costeira pasou a ser vista con outros ollos e comezouse a reclamar primeiro a súa  protección e logo a súa estatalización.

Curiosamente é nesta época de mitificación e protección da paisaxe mariña cando máis dano se lle fixo, pois a costa antes sen case valor pasou a ser edificada masivamente e poboada por turistas durante longas temporadas.

Esta visión turística e idealizada da costa, provinte case sempre de urbanitas habitantes de grandes cidades, choca coa visión tradicional dos galegos do uso do mar de respecto e aproveitamento á vez. Pero moito me temo que á hora de redactar a lei as visións dos galegos contaron ben pouco e quen se impuxo coma sempre é á dos urbanitas que ven o mar como unha sorte de parque de atraccións para se divertir nas vacacións.

Comentarios