Opinión

Lei de amnistía

Un titular deste xornal láiase de que non se poidan xulgar os crimes do franquismo, tan ben expostos e documentados neste xornal. E láiase con razón, pois por desgraza non creo que nunca chegue a iniciarse tal proceso, e non só por consideracións de corte xurídico, que tamén son relevantes, ou porque teña sido a esquerda quen defendeu no seu momento tal lei, senón porque no mundo da política os crimes rara vez son xulgados ou condenados. E non é unha peculiaridade nosa senón que adoita ser unha constante case universal que, salvo o caso de revolucións triunfantes ou derrocamento por algunha potencia exterior (e moitas veces nin así), as elites políticas non adoitan xulgarse entre si e gustan de amnistiar ou perdoar as anteriores. Primeiro por non criar un precedente que puidese afectarlles no futuro, segundo porque o groso da elite adoita reciclarse e ser a mesma no novo e no vello réxime e terceiro porque co paso do tempo as novas elites adoitan estar emparentadas ou próximas socialmente ás vellas. A propia idea corporativa dos Estados, como unha especie de ser inmortal con continuidade no tempo, favorece esta dinámica, como o proba a exixencia de reparacións do actual Estado español ás vítimas causadas polo anterior.

No fondo estase a recoñecer a condición de estatalidade aos causantes dos crimes e admitindo tacitamente certa continuidade entre uns e outros, pois de non ser o anterior un Estado cos seus atributos non cabería reclamación patrimonial e esta tería que circunscribirse aos causantes do crime e non á totalidade da poboación actual, que sería quen sufragase as indemnizacións. A propia dinámica das transicións políticas favorece esta inxusta conduta. A vella elite ditatorial detén a capacidade do uso da forza e o dominio dos aparatos principais do Estado. A única forma de evitar un conflito civil, e sen garantía de que este derive no trunfo das oposicións democráticas, adoita ser o de que estas negocien unha saída para os membros máis significados da vella ditadura. Estas saídas adoitan ser a negociada do país conservando bens e propiedades no estranxeiro ou a máis común, asinar algún tipo de lei de punto e final que os faga impunes.

Estes conservan bens e propiedades e incluso algún cargo simbólico e a cambio ceden o poder sen loita ás forzas democráticas ou rupturistas. E estes pactos adoitan ser respectados, porque de non facelo os ditadores en exercicio non abandonarían pacificamente o poder. De aí que se dean fortes presións internacionais para facelos cumprir. Os cadros intermedios do réxime, altos funcionarios ou políticos de nivel e medio e baixo, son reciclados sen problema, normalmente criando partidos políticos, centristas no caso das ditaduras de dereita e socialdemócratas nas de orixe esquerdista, que os agrupen e organicen. Isto débese a que son estes quen teñen as claves da gobernabilidade dun país e fanse normalmente indispensábeis as inexpertas novas elites. Isto explica que incluso as autoridades da Alemaña de posguerra tiveran que votar man de antigos cadros do nacionalsocialismo ou as de Italia de antigos fascistas para facer funcionar os seus gobernos. Algún destes “nazis moderados” converteuse co tempo nun dos pais fundadores de Europa. No caso da antiga Unión Soviética podemos tamén constatar un fenómeno semellante. A orixe política dos actuais dirixentes amosa continuidades, comezando polo propio líder. Así pasou sempre e volverá pasar, tanto en ditaduras de dereita como de esquerda, como nos amosa calquera repaso rápido das transicións a réximes democráticos no último século.

A nosa lei de amnistía non é por tanto unha anomalía, senón por desgraza é o máis común do mundo, e o que amosa é a terríbel inxustiza que subxace na propia dinámica da contenda política e que resulta moi difícil de mudar. Oxalá se puidese.

Comentarios