xoves 28.05.2020

Ingreso mínimo vital e construción de nación

Unha vez configurados os modernos Estados europeos estes buscaron manter a lealdade das poboacións creando nacións á súa imaxe e semellanza. Para conseguilo buscaron primeiro debilitar as lealdades vellas como as lingüísticas, relixiosas, familiares ou políticas. Desde reconfigurar o mapa administrativo até cambiar o calendario ou os pesos e medidas tradicionais. Todo valía para que a xente se identificase co novo Estado francés, español ou italiano. Creáronse himnos, oficializáronse bandeiras, estabelecéronse festivos patrios, aliñáronse seleccións deportivas e até foi nacionalizado o xogo coas loterías “nacionais” (en puridade estatais).

Todos estes mecanismos están ben estudados por historiadores e politólogos e hai bibliografía dabondo para explicalos. De feito, as vellas nacións as que se pretendía asimilar usaron mecanismos semellantes como medio de defensa fronte as ofensivas “nacionalizadoras” dos Estados, agora chamados Estados-nación. O galeguismo, sen ser quen de frear por completo estas tentativas, si foi capaz de elaborar un contra discurso bastante eficaz.

Mais nesta estratexia defensiva descoidouse un aspecto vital, que é o da nacionalización por parte dos Estados dos servizos de asistencia social. Cando se sementan as bases do nacionalismo galego, a maior parte dos discursos e estratexias céntranse no ámbito político e cultural, máis que no económico, e non se elaboran nese momento propostas de organización de servizos de atención á populación alternativos aos entón cativos pero hoxe enormes sistemas sociais españois. Os sistemas sanitarios ou de seguridade social creados no franquismo cun deseño absolutamente centralista (a famosa caixa única da seguranza social) nunca foron cuestionados no ámbito do nacionalismo galego, a diferenza doutras políticas económicas máis rechamantes pero con menor potencial estatalizador. De feito a día de hoxe sistemas como o de desemprego ou o de pensións seguen ser estar transferidos ás comunidades autónomas a pesar de que non habería problema técnico ningún para facelo. Estes sistemas xeran gran dependencia na populación, que teme cambios no seu deseño ou forma de prestación, e poderían ser un dos principais obstáculos que se lle poden presentar a algunha comunidade que pretendese exercer a secesión. Non porque tecnicamente non poida ser resolto, que pode perfectamente selo, senón polo temor de moita xente a que a percepción das súas rendas sexa alterada dunha forma ou outra. Ademais xeran unha enorme lealdade simbólica ao ente pagador das mesmas.

Nestes días observamos como o novo ministro de Seguridade Social rematou por imporse ao vicepresidente de Asuntos Sociais sobre a cuestión da renda mínima vital. Polo que se ten filtrado (aínda non está confirmado) parece que a nova renda vai ser pagada desde o ministerio, quen determinará as contías e condicións, sendo concellos e deputacións os encargados da súa xestión administrativa. Dado que no borrador a tal renda non sería máis que unha sorte de complemento ou mellora das rendas de inserción ás comunidades, non tería moita lóxica este esquema e o normal sería que fosen estas as encargadas da prestación pactando seu financiamento. Pero, a que unha vez máis van ser aprobadas medidas estatalizadoras entre aplausos e sen escoitar un chío?

comentarios