Opinión

Inflación

Informa este xornal das subas de prezos nos produtos necesarios na produción agraria, dende o combustíbel, a electricidade a forraxe do gando ou os fertilizantes e os danos que isto provoca aos nosos produtores. Pero no relato que se fai  non se explica a que poden deberse esas subas repentinas, que tamén afectan en distinta medida ao resto da sociedade e que non se ven reflectidos no famoso IPC que, se ben subiu, fíxoo dun xeito máis moderado. Este é un índice que indica ben pouco pois pondera subas e baixas sen ter en conta como afecta a cadaquén por separado, nalgúns casos para ben e noutros como é neste caso para mal. 

Os fenómenos inflacionarios non adoitan ser explicados con calma. Adoitan ser entendidos algo así como decisión de subir que algúns actores, normalmente deostados como especuladores ou intermediarios sen ter en conta súa función, deciden emprender pola súa conta ou risco co ánimo de obter máis lucros. Xa lles gustaría poder actuar así, pero como calquera que saiba algo de economía entende que non sempre por subir os prezos o resultado son maiores beneficios, ao revés na maioría das ocasións o resultado adoita ser o contrario.

Para entender as subas de prezos hai que ollar noutra dirección e pór o foco nas políticas monetarias dos bancos centrais. En tempos de crise, como é agora, os banqueiros centrais, ben instruídos polos dirixentes políticos que os nomearon, gustan de facer políticas expansivas, isto é sacar diñeiro literalmente da nada. Chámanlle a isto operacións de mercado aberto e hai moitas formas de facelo sen que a maioría da poboación se decate. O feito é que inxectan grandes cantidades de diñeiro na economía, unha boa parte del dedícase á compra da débeda pública dos gobernos ou agora tamén da Unión Europea (de aí virán os famosos fondos Next Generation) e outra invístese nos mercados. Na crise de 2007 este diñeiro barato de nova creación inundou os bancos de fondos e foron usados para préstamos a vivenda e agora son usados na compra de materias primas porque co fin da pandemia é previsíbel que estes suban, e esta expectativa fai que cada vez máis recursos sexan desviados cara a aí subíndoos aínda máis. Agora considérase que o petróleo, o gas ou as materias primas en xeral son boas oportunidades e a estes sectores é onde aflúen os cartos subindo por tanto os seus prezos. E como consecuencia soben os seus produtos derivados, fertilizantes, electricidade, afectando severamente aos nosos sectores produtivos que non teñen culpa ningunha. E outros sectores seguirán a ser afectados de non por fin a estas masivas expansións de moeda e crédito. O problema é que rematar con esta dinámica vai traer problemas serios a outros colectivos, que non se sabe moi ben aínda quen son, probablemente os máis débiles, pero que que acabarán pagando tamén sen ter culpa estas crenzas, tan apreciadas por moitos, de que facer diñeiro é a solución de todos os males. Ogallá fose así, dígoo a serio, porque entón non habería xa máis pobreza na terra e chegaría a era da gran fartura. Digo todo isto porque as solucións que están a demandar moitos colectivos e sectores sociais en crise pasan por pedir máis do mesmo que os está a danar. Acredito que os nosos lectores están o suficientemente formados como para desconfiar de solucións máxicas e a maxia está ben para a noite de San Xoán, pero non para respostar complexos problemas sociais e económicos. Por desgraza as crises son iso, crises, e implican dano e malestar  para moitos sectores pero non debemos enganarnos pensando que nalgún sitio de Europa existe unha poción milagrosa que solvente os danos sen ter que afrontar ningún sacrificio. É hora de que comecemos cando menos a ter en conta que isto pode acontecer, cando menos para estar preparados.

Comentarios