Opinión

A importancia dos partidos

Leo con moito interese sobre as tentativas da vicepresidenta do Goberno español, Yolanda Díaz, de crear unha sorte de plataforma, baixo o seu liderado, para poder concorrer con algunha garantía de éxito nas próximas eleccións. E cada vez parece máis claro que non vai concorrer baixo a marca que a levou primeiro a ser deputada por Pontevedra e despois ao seu actual cargo, En Común Unidas Podemos. Polo que manifestou, non parece acreditar nos partidos nin sequera nas vellas categorías de esquerdas e dereitas, apostando pola nova moda da transversalidade.

Para facer isto parece querer revivir a vella e aparentemente esquecida categoría, só usada xa nos antigos manuais de ciencia política, do partido de notábeis, pois súa aposta parece ser a de figuras ilustres da esquerda política española para artellar o seu proxecto. Pero todo feito sen contar coas aparentemente caducas estruturas dun partido tradicional, cos seus cadros, militantes e organización territorial, o que significa que querendo parecer moderna non fai máis que recorrer, salvando obviamente as distancias, ao vello modelo organizativo dos partidos de caciques da Restauración. Acredito que de ser así non vai ter moito éxito, non tanto no ámbito electoral, cuxo resultado é impredicíbel, como no de dotarse dunha organización válida para o Goberno ou para resistir na oposición. Por suposto na Galiza recorrerá tamén a este modelo repetindo con outro nome o proxecto das mareas.

Non parece ter aprendido da experiencia. As mareas tiveron un gran resultado electoral e tiñan excelentes cadros políticos, pero fracasou precisamente polo seu mal deseño organizativo. O BNG, nunha situación máis precaria primeiro, resistiu e logo liderou a oposición pola súa ben deseñada organización, combinada cun liderado eficaz. As decisións tomadas pola dirección tiñan que ser ratificadas por todas as forzas que constituían a plataforma, o que era moi disfuncional á hora de negociar calquera asunto, pois os acordos adoptados podían ser ou non aceptados polas forzas, o que minaba a súa capacidade negociadora. Tampouco as decisións orgánicas eran automaticamente acatadas, estabelecéndose resistencias por parte das organizacións (como no famoso caso dunha deputada sancionada pola dirixencia cuxa organización negou e resistiu a multa), o que deteriora a capacidade de tomar decisións e a súa imaxe. Ademais as propostas non estaban sometidas a un principio democrático claro, ao ser elaboradas autonomamente por cada unha das organizacións e logo negociadas nos órganos comúns, o que levaba á frustración no caso de estas non ser aceptadas, co resultado de xerar desafección cara ao proxecto.

Témome que o modelo que a vicepresidenta propón vai na mesma liña. Estase a xuntar con figuras non caracterizadas precisamente pola lealdade aos seus proxectos políticos e dotadas de forte personalidade e capacidade política, o que no caso de ter bo resultado electoral vai traer máis problemas que bens, pois van debilitar no futuro a capacidade de decisión da líder. Ademais, claro está, de non contar cun partido propio que as contrapese, pois parece renunciar á súa mellor ferramenta, a do partido Unidas Podemos, que cos seus defectos é aínda capaz de contar cunha mínima estrutura.

O vello reaccionario colombiano Nicolás Gómez Dávila dicía que o mundo moderno non será castigado, pois o mundo moderno é o castigo. Algo semellante ocorre a moitos políticos que na súa ansia de parecer modernos topan o seu castigo na propia modernidade das súas propostas, e esquecendo o que xa está probado e ensaiado queren innovar, volvendo curiosamente a pasados políticos aínda máis remotos e o que é peor, que non funcionan.

Comentarios