Opinión

Os horrores do Brexit

Leo na prensa española europeísta (que na práctica é toda) reportaxes que describen situacións de “horror” no Reino Unido pos-brexit. Segundo parece, centos de milleiros de persoas de orixe comunitario han quedar sen dereitos sociais por non terse debidamente rexistrado como residentes. Tamén de vez en cando nos relatan situacións dramáticas dalgunha rapaza  dalgún país comunitario que pretendía entrar no Reino Unido para traballar e que se viu retida na fronteira, e confinada nalgunha “alxube” aeroportuaria e obrigada a regresar. Todo por non cumprir cos preceptivos trámites de inmigración laboral. E a prensa co orgullo europeo ferido, que estas cousas, tan frecuentes na inmigración extracomunitaria non lle poden acontecer a un cidadán da Unión Europea (UE). E esta sería a proba das desgrazas que acontecen ao pobo británico pola súa “errada” decisión de abandonar a UE e das que poderían  acontecer a calquera que quixese imitalo. Ao mesmo tempo destacan a toda páxina os problemas da falta de salchichas no Ulster , sen contar a campaña que se fixo contra as vacinas británicas Astra Zeneca, que, por certo, liberaron as súas patentes e cedéronllas á India de balde.

Mais algo falla neste relato, que se o lemos ben pode ser moi contraproducente  para os que o elaboraron. O que nos está a dicir é que o Reino Unido segue a ser un lugar atractivo onde vivir, e que ningún deses millóns de  europeos comunitarios “expatriados” ten a máis mínima intención de abandonar o país e volver ao refuxio seguro que sería a UE. Tamén se nos está a dicir que moitos rapaces e rapazas novos pretenden ir traballar ao Reino Unido a pesar das trabas e que, polo tanto, parece ofrecer mellores condicións laborais ou de vida que a dos  seus países de orixe. Onde fica entón o desastre no que ía caer Gran Bretaña tras o seu abandono? En ningures polo que se pode ver.

O Reino Unido terá os seus defectos como todos os países, pero é na miña opinión un modelo a seguir por moitos motivos. O primeiro é o respecto que ten polas nacións que o integran, comezando por outorgarlles o dereito a secesión se así o desexan, como se viu no caso escocés ou no previsibelmente próximo do Ulster. Gustaría saber en que país da UE podes facer algo semellante? E segundo polo Brexit. Este amósanos que se pode saír da UE e que non pase gran cousa alén duns pequenos axustes. Desde logo non o caos que prometían na dirección da UE. Un dos principais medos que se lle mete ás nacións sen estado que queren independizarse dentro da propia Unión é o de que han ter que saír dela e agardar uns anos a que se lle permita o reingreso, claro está de non haber vetos, insinúan. Pero o que o Brexit amosa é que a cidadanía non lle pasa gran cousa por estar fóra do club. De feito, segundo como se xestione, pode ser até unha boa oportunidade.

É certo que falta debate teórico serio, máis alá do tópico de a onde imos ir nos sós, sobre a integración ou desintegración de estados e unidades políticas. E desde logo estar integrado nunha unidade maior non ten por que aportar nada positivo, como se pode ver nas taxas de crecemento da UE desde Maastrich, comparadas coas de antes (o Mercado Común non era unha unión política senón comercial). Será desexábel ou non pertencer a ela, por motivos políticos ou identitarios, pero non porque un país se arruíne por estar fóra. O caso británico así parece amosalo, e de aí estes relatos de horror.

Comentarios