Opinión

Harmonización fiscal e españolismo de esquerda

Contan os vellos catecismos que a principal argucia do demo é a de facer crer que non existe. Algo semellante, temo, acontece co españolismo de esquerda. Aínda esvadío baixo o nome de progresismo ou todo tipo de expresións precedidas de pluri ou multinivel, non pode ocultar as súas orixes no xacobinismo da revolución francesa coas súas querenzas pola supresión de calquera tipo de particularidade. No imaxinario común o españolista é alguén de dereita ou ultradereita moi preocupado polas imposicións lingüísticas e pola defensa dos símbolos máis "banais" da nación española, como a bandeira ou as seleccións deportivas patrias. Pero case ninguén o identifica co mítico progresista de esquerda, que di defender os dereitos das nacións (sempre e cando non se exerzan, claro está). Algo que nunca entendín é que no mundo nacionalista todo o que é fiereza dialéctica co primeiro grupo tornase en suave deferencia cara ao segundo, a pesar de ser o seu potencial desnacionalizador muito maior.

Se o do primeiro grupo é máis simbólico e emotivo (non por isto menos importante), o segundo centrase en aspectos económicos e en política social, conseguindo facer a cidadanía dependente do Estado central, incluso para sobrevivir, como é o caso das pensións e agora do ingreso mínimo vital, políticas ambas contra as que non se escoita un chío desde o nacionalismo. Non sei se alguén ten estudado, por exemplo, como sería a xestión das pensións en caso dunha hipotética secesión da Galiza nin que dereitos se recoñecerían aos pensionistas nun sistema de reparto como o actual. Sería con muito un dos principais problemas que se formularían nese hipotético caso. Pero non só isto, moitas veces acontece que estas medidas centralizadoras son moitas veces celebradas por partidos nacionalistas ou que se din independentistas.

Isto vén a conto das propostas de harmonización que se teñen formulado a respecto da cuestión da máis baixa fiscalidade da Comunidade de Madrid (algo semellante acontece coa harmonización esta vez entre estados proposta por Biden e o G7 que deixaremos para outra ocasión, aínda que o principio sexa o mesmo). Con independencia da opinión que cada quen poda ter sobre a política fiscal madrileña, o certo é que estas propostas son un mal disimulado exemplo de recentralización deste tipo de políticas no Goberno central. Iso si, en nome da equidade e da redistribución. O nacionalismo galego propuxo hai non muito tempo a extensión do modelo foral a toda España, algo que considero do máis acertado que ten proposto o nacionalismo galego en moitos anos, pero por desgraza parece que non tivo muito eco e os ventos van cara a outra dirección.

Unha proposta como o que fai a esquerda española (co inexplicable apoio dalgúns independentistas de esquerda cataláns, que parecen aquí primar a esquerda sobre a nación) implicaría que o control da política económica e fiscal sería recentralizado e nacións coma a galega perderían boa parte da súa autonomía. Lembremos que a autonomía é tanto para subir os impostos como para baixalos, e de ser o caso un hipotético goberno de esquerda nacionalista tampouco podería levar adiante moitas das súas propostas, pois este tipo de harmonizacións tamén adoitan levar consigo un teito que tería que ser permitido polo Goberno central e este pode non ser de esquerda. Atacar as políticas de Madrid pode ser popular en certos ambientes pero unha vez máis os valores da esquerda e os da nación poden estar en contradición e favorecer este tipo de medidas pode ser contraproducente.

Comentarios