Opinión

Hai sitio para un galeguismo de dereita?

Calquera que estude a evolución histórica do galeguismo pode contrastar a enorme influencia que as distintas correntes ideolóxicas das dereitas (conservadorismo, tradicionalismo, liberalismo económico...) tiveron na configuración da súa doutrina. Sen a obra de autores próximos ás diferentes correntes do pensamento de dereitas, como Alfredo Brañas, Ramón Vilar Ponte (recentemente recuperado nun meritorio traballo por Francisco Rodríguez), Ramón Otero Pedraio ou Vicente Risco, non podería falarse dun pensamento nacionalista elaborado. E máis, foi no ámbito teórico, o mellor e máis consistente dos nacionalismos hispanos, tanto dos de antes como dos de agora. Pero por desgraza os nacionalistas de dereitas sempre foron un desastre organizativamente falando, mentres que os nacionalistas progresistas ou de esquerdas supliron súa carencia de teoría cunha moi superior capacidade organizativa e cunha vontade de acción política da que aqueles carecían. A consecuencia foi que a dinámica de actuación política, dende a expulsión de Vicente Risco da dirección do partido galeguista ata hoxe, foi case monopolizada polos sectores de esquerdas. Pero polo menos influíron nas teorías, pois agora nin iso. A guerra civil trouxo represión, mortes e desastres económicos, e no que aquí nos atinxe polarizou a sociedade en bandos enfrontados con respecto a unha única dimensión, a de dereitas ou esquerdas sen matiz nacional. E como adoita acontecer en movementos pouco consolidados, as dereitas nacionalistas tomaron partido polas dereitas dominantes no estado e os de esquerdas polas esquerdas tamén estatais, fragmentando o nacionalismo galego ata o día de hoxe. Cando o nacionalismo galego foi reconstruído nos anos 60, foino dende presupostos de esquerda, que se ben non innovaron case nada na cuestión nacional, si o fixeron en termos de estratexia social política, introducindo debates sobre o marxismo ou colonialismo, alleos á tradición histórica do galeguismo, pero moi acaídas ao discurso político predominante naquel tempo. O galeguismo de dereitas, en maior ou menor medida acomodado no réxime, centrouse en tentar moderar as derivas máis centralistas do franquismo, mais non en elaborar doutrina teórica nin moito menos en configurar organizacións políticas propias. O resultado é que os potenciais destinatarios dun discurso nacionalista de dereitas ficaron orfos tanto de doutrina (incluso as veces son as esquerdas quen máis a reivindican) como de organización e aqueles con maior ambición política lentamente integráronse e seguen integrados no PP galego que soubo no seu momento atraelos e que agora tras as derivas internas do propio PP están nunha situación cada vez máis feble.

Cómpre por tanto comezar a discutir de novo no ámbito do galeguismo temas propios do día de hoxe, como a secesión (moi discutida e estudada nos ambientes intelectuais conservadores e en moitos casos con aprobación) dende a independencia dos Estados Unidos ou súa guerra de secesión ou as estratexias en política exterior. Deberían ser analizados dende puntos de vista propios das dereitas, ao igual que os debates sobre política económica.

Agradezo por tanto a este xornal a honra que me fai ao convidarme a discutir estes puntos de vista dende estas páxinas.

Comentarios