Opinión

Guerra moderna e estados

A guerra moderna é máis económica que militar, aínda que aparente o contrario. Os Estados Unidos ou a antiga Unión Soviética perderon respectivamente os seus conflitos no Vietnam ou en Afganistán principalmente por non ter fondos dabondo para sostelas e en ambos casos tivo consecuencias moi serias para súa estabilidade económica. No primeiro caso foi unha das causas do abandono norteamericano da súa ligazón monetaria co ouro e causa parcial da depresión de comezos dos setenta mentres que no segundo foi o golpe final ao xa moi debilitado sistema económico socialista. A recente e discutida retirada occidental de Afganistán tamén responde principalmente a ditas causas. Moitos teóricos recentes da guerra xa inciden que o principal aspecto de calquera guerra de defensa consiste non na derrota militar do adversario, que en moitas ocasións e imposíbel, senón en facela tan cara que non compense ao agresor o esforzo. A revolución no armamento moderno non consiste tanto no uso de armas hipermodernas de precisión, como mísiles hipersónicos ou avións de última xeración como no abaratamento e mellora do armamento defensivo. Minas, drons baratos ou armamento lixeiro antiaéreo ou anticarro son os que marcan o destino das guerras contemporáneas, e máis se estes están difundidos polo territorio e boa parte da poboación ten acceso a eles e sabe manexalos. Con armas que custan uns poucos miles de euros pódense inutilizar artefactos que custan millóns, como avións, helicópteros ou tanques, como se está a ver no exército ucraíno. A estratexia que está a seguir é a correcta nunha guerra deste tipo, isto é: resistir, encarecer o custo da conquista e amosar resistencia, sexa civil ou militar, alí onde se poida para obrigar a distraer tropas do inimigo. Tamén se trata de quebrar a moral de combate do invasor, que nunca ha batallar igual rodeado dunha poboación hostil ou en territorios que descoñece e polos cales non ten maior interese persoal. Se os ucraínos son capaces de resistir e ter axuda fluída de armamento lixeiro, como parece que están a ter, a guerra, aínda perdendo militarmente, téñena gañada. O propio Putin, sen querer, insinuouno o outro día cando dixo que os ucraínos non querían negociar a paz e estaban a adiar os encontros. Só alguén co tempo ao seu favor querería retrasar a paz, e de ser correcta a análise, cada día que pasa as negociacións para a paz van ser peores para os rusos, que van voltar á casa con pouco ou nada de rédito.

Porque esta é outra. Non acabo de entender que é o que buscan alén de salvar a cara. Fai tempo que as conquistas de territorios non aportan ningunha vantaxe a unha potencia agresora, pois ten que lidar cunha poboación hostil, que requirirá de forzas de ocupación por un tempo co custe que estas teñen, e ademais empobrecida e habitando unhas cidades destruídas que logo terían que reconstruír.

Pero este obxectivo poderían obtelo cunha invasión máis limitada e menos cruenta e dando unha mellor imaxe, como fixeron en Crimea. Derrocar o goberno de Zelinski é xa un obxectivo abandonado e cambiar a política lingüística nas zonas rusófonas pode facerse sen tanta violencia. Queda o da neutralidade da Ucraína, que podería ser razoábel se seguimos nos esquemas da guerra fría, que parecen seguir imperando. Pero este tipo de promesas adoita levalas o vento, como o da non expansión da NATO ou o do respecto á integridade ucraína a cambio da cesión do seu armamento nuclear. En canto se dean as condicións non teña dúbida de que serán incumpridas por unha ou outra parte. Aínda podendo haber razóns para a guerra, quen se mete nelas debería meditar, ademais da inmoralidade da actuación en si, se a medio prazo van estar mellor ou non. E creo que neste caso os rusos non fixeron esta análise e o resultado pode ser un desastre para eles e para os que poderíamos querer outra orde mundial.

Comentarios