Opinión

Greta e o lignito

Ollei con certa sorpresa a fotografía da activista climática Greta Thumberg arrastrada e detida por tres policiais alemáns nunha protesta contra a expropiación dunha pequena aldea para reabrir unha mina de lignito. A sorpresa non foi a detención da activista, algo esperábel nunha protesta deste tipo, nin a satisfacción que parece percibirse no seu rostro, dado que conseguiu o seu obxectivo de chamar a atención sobre un problema ambiental. De feito aos poucos días xa estaba en Davos para explicar súas ideas a elite económica mundial. Non, a miña sorpresa deriva da causa da protesta e do país onde se produce esta, Alemaña, que ata onde sei está gobernado por unha coalición da que forma parte o partido verde, antes grande opositor a este tipo de explotacións. Se non lin mal, o feito é que se pretenden reabrir na Alemaña, usando métodos expeditivos, incluso, explotacións de carbón para ser usadas para alimentar plantas térmicas de xeración de electricidade, algo que obviamente vai contra todas as políticas de descarbonización que se teñen proposto nos últimos anos na Unión Europea a instancias da supostamente concienciada Alemaña. Políticas que están a supor un duro custo para a nosa industria, que tivo primeiro que fechar súas minas de carbón e logo as centrais térmicas que abastecían de electricidade á nosa industria. Isto afectou severamente á nosa industria electrointensiva, incapaz de asumir os custos enerxéticos que se implantaron no novo marco de emisións. Tamén están en boa medida detrás da expansión dos parques eólicos, primeiro terrestres e, a curto prazo, tamén mariños.

Miña sorpresa vén de que esa foto di moito acerca do incumprimento dos compromisos en relación ao clima por parte do goberno alemán e moito temo, tamén, que por parte de moitos outros gobernos europeos. Primeiro porque amosan a case nula capacidade de sacrificio que son capaces de asumir co fin de acadar a neutralidade climática. Se con unha crise, a todos os efectos leve se a comparamos con outras crises recentes, apouchan, que é o que acontecería de darse unha situación máis grave, quizás voltar as plantas de fuel? Se a isto lle sumamos as declaracións recentes do comisario europeo de mercado interior, Thierry Breton, de que non debemos sacrificar a industria europea de motores de combustión, conservándoa para a exportación a terceiros países, para que os chineses non se fagan cos mercados, rápido nos decatamos que ademais de seren incongruentes non nos atopamos precisamente diante de heroes climáticos. Non habería de que falar se ao mesmo tempo non seguisen insistindo en forzar aos demais a seguir súas indicacións.

A foto tamén nos informa de que a rehabilitación da mina non vai ser algo puntual, para atender unha situación concreta no tempo, senón que pola propia dimensión da medida, expropiación incluída, implica uns investimentos que só poden ser amortizados cunha explotación de como mínimo varios anos, o que non casa nin coas présas por descarbonizar que se dan noutros ámbitos, nin coa urxencia que se asocia á propia toma de medidas para evitar o colapso climático. Porque esta é outra derivada da foto, a de que os gobernantes alemáns non terminan de acreditar na urxencia e a gravidade do problema. Supostamente non son negacionistas do cambio climático pero en todas as súas actuacións parecen selo, pois negan cos actos os discursos que proclaman en foros e cumios. Moito temo que imos ter que seguir vendo imaxes de Greta en protestas, e temo, tamén, que con maior frecuencia.

Comentarios