Opinión

Sobre golpes, Marlaska e a Garda Civil

Os problemas que está a ter o ministro do interior, Grande-Marlaska, cos nomeamentos e ceses da dirección da Garda Civil están a ser interpretados de formas moi distintas. Para parte das dereitas, o acontecido non reflectiría máis que a indignidade dun ministro que ousou ordenar a un subordinado que infrinxise a lei e filtrase información reservada ao seu superior. Todo isto enmarcado en rumores de autogolpe polo actual Goberno. Pola contra, para certos sectores da esquerda o que aparenta é algo tamén moi grave. Unha insubordinación da Garda Civil en conivencia cos sectores da ultradereita para botar abaixo o Goberno actual con malas mañas, para colocar un Goberno tecnocrático, tal e como se fixo no seu momento con Berlusconi.

Mais temo que ningunha das dúas teorías ten validez neste caso. Falamos tecnicamente dun golpe de estado cando unha parte do aparato de Estado confronta con outra parte do mesmo, isto é, mentres a revolución introduce no poder político elementos alleos ao Estado actual e muda a estrutura social, no golpe normalmente discútese o poder entre fraccións do aparello do Estado sen que a estrutura social ou económica mude.

Sexa un autogolpe, un golpe de estado clásico ou un golpe posmoderno o certo é que derrocar un gobernante electo por parte doutros membros do Estado (altas burocracias militares ou políticas, sectores económicos vencellados ao poder estatal ou o aparello de lexitimación hexemónica e ideolóxica) non é infrecuente, incluso no noso entorno. Os Gobernos tecnocráticos de Monti en Italia ou Papdemos en Grecia tiveron unha orixe deste estilo, se ben non foron considerados coma golpes, aínda que o fosen (aí reside a arte do asunto). Tamén o derrocamento de Dilma Rousseff ou doutros moitos en Latinoamérica tiveron unha orixe semellante. Pero tampouco son estraños os golpes dados desde o poder modificando arbitrariamente as leis e cambiando a composición das institucións políticas. A actual República Francesa deriva a súa forma do autogolpe de De Gaulle. Algúns acusan tamén o actual gobernante turco de levar adiante outro maxistral golpe deste tipo. Non son pois nada novo e o feito é que os golpes son unha posibilidade sempre presente como ameaza na vida política, incluso en democracias avanzadas e de aí que ambos os extremos políticos teman o golpe dos outros.

Mais temo que neste caso os dous erran. O golpe de estado pode existir pero como lembran os vellos tratadistas (Malaparte, Luttwak ou o coronel Goodspeed) non ten unha técnica fácil e é un fenómeno de moi difícil éxito. Non hai pois nen golpe nen autogolpe, o que pode estar dándose é outro fenómeno pouco estudado que é o de resistencia burocrática. Tamén ten antecedentes, como o soado caso de Indalecio Prieto en España, confrontado á burocracia do Ministerio de Facenda ou os boicotes que Margaret Thatcher sufriu polos seus funcionarios cando chegou ao poder. O que parece acontecer é que Marlaska non parece ser moi querido, polas razóns que sexa, por boa parte dos altos cargos da Garda Civil, e simplesmente non cooperan con el e seguen as normas de regulamento. E se comete algún erro fíltrano. Para ver que non hai tanta inocencia, só habería que comparar e ver como se comportaban os mesmos nos tempos de Rubalcaba.

Comentarios