Opinión

Galiza e a nova orde mundial

 

Coa explosión da guerra de Ucraína comézase a discutir de novo na academia sobre a emerxencia dunha nova orde mundial. Vólvese falar de multipolaridade, de hexemonía e desentérrase dos libros de historia a vella 'armadilla de Tucídides', pola cal as grandes guerras proveñen da resistencia dos poderes consolidados á emerxencia de novas potencias que lle disputen o seu espazo. Neste xornal, sen ir máis lonxe, topamos con moi boas reflexións sobre este tema, máis considero que neste debate deberíamos ter en conta dous puntos.

O primeiro é o de que as ordes mundiais, novas ou vellas, non son deseñadas nin o son a vontade das partes. A historia evoluciona e os polos de poder mudan. Nos últimos séculos pasamos dun sistema multipolar con varias potencias en conflito, ao sistema bipolar da guerra fría e agora a un sistema de hexemonía que comeza a ser discutido debido aos cambios económicos e políticos acaecidos neste tempo. Esta evolución implicou a aparición de novos actores e o desprazamento inexorábel doutros, gústelles ou non, e dá igual que sintan ou non ser unha potencia. Pasoulle a España no seu momento, logo ao Reino Unido e agora a Rusia. Polo tanto non basta con desexar a multipolaridade para que esta exista, e o normal nas nosas circunstancias vai ser unha bipolaridade USA e Europa Occidental fronte a China, se é que esta consolida o seu crecemento, o cal está aínda por ver. Podería ser o espazo europeo, entendido en sentido amplo, isto é, con Rusia, un deses polos? Todo apunta a que non, dado o envellecemento da súa poboación, a carencia dun propósito civilizatorio e o seu estancamento económico. Das grandes tecnoloxías da era das redes, moi poucas, por non dicir ningunha, teñen orixe europeo. Iso sen contar que a día de hoxe Europa Occidental e Rusia non poden estar máis confrontadas, e a colaboración con Rusia está a día de hoxe descartada, ademais de que pouco pulo económico podería aportar un país sen pulso económico a pesar dos seus recursos. Bastante sería que non nos confrontásemos nunha guerra con eles. A proba está, tamén, en que os países de novo desenvolvemento alén do noso continente non imitan nin os nosos modelos políticos nin moito menos o noso modelo social. Son outros os referentes. Todo iso tendo en conta que cabería discutir, ademais, a pertinencia dun mundo multipolar, dado que a experiencia histórica amosa que adoitan rematar mal, dentro do propio polo e entre eles, como ben amosan as dúas guerras mundiais que esnaquizaron Europa e deron lugar ao mundo da guerra fría.

Dado que todo parece apuntar a un modelo bipolar USA coa UE tutelada ou China con Rusia, ou o que dela quede, de estado satélite, o debate que os galegos deberíamos ter é cal dos dous bloques nos é máis interesante. Dígoo porque, se ben podemos criticar o que os nosos socios fan, non estaría de máis expor de forma realista o modelo ao que aspiramos. Non podemos escoller cal vai ser o desenvolvemento da nova orde mundial pero si discutir entre nós, como parece que se está a facer, a cal dos dous hipotéticos polos nos gustaría estar asociado. Sei que o bloqueo occidental ten un triste recordo de imperialismo e que moitas das súas actuacións poden ser inmorais, máis o outro bloque, ademais de ter pouco a ver culturalmente con nós, tampouco parece un sitio moi agradábel onde vivir. Tampouco parece moi tolerante coas súas minorías nacionais ou sociais, nin un modelo de éxito do feminismo ou doutros movementos identitarios. Tampouco parece que a nosa sociedade aparente ser moi partidaria dos modelos políticos dese hipotético bloque oriental, e parece que tampouco os nosos veciños cos que comerciamos e interactuamos estean polo labor. Pode parecer materialista pero a hora de definir o interese nacional, con quen temos relacións comerciais e financeiras importa e importa moito. Sería bo debatelo.

Comentarios