Opinión

Galiza, Galiza, Galiza

Nos ambientes politizados galegos dáse unha curiosa asociación de ideas segundo a cal canto máis de esquerda se é, máis nacionalista galego debe un ser, e á inversa canto máis á dereita, máis españolista se é. Esta estraña confusión entre conceptos económico-sociais e grao de sentimento nacional leva a moitas confusións e ten distorsionado o discurso e a praxe política da nosa terra, polo menos dende os tempos da Transición ata hoxe. Un exemplo actual é o debate arredor do slogan de campaña do PP galego cuestionando o galeguismo do mesmo, que dende hai tempo parece darse por suposto que non o é, con independencia de que teña feito tantas ou máis aportacións á nosa nación que partidos que si teñen tal etiqueta pero que ao ter un discurso de esquerdas son inmediatamente contados entre os bos e xenerosos.

Como xa temos referido nalgunha ocasión, boa parte dos cadros e militantes dos partidos de centro e dereita galeguistas remataron integrados no PP, sometidos á súa disciplina, pero sen renegar dos principios, mais nunca obtiveron ningún tipo de recoñecemento polos nacionalistas de esquerdas que sempre sistematicamente se negaron a pactar ou a discutir propostas comúns, impedindo a elaboración dalgún tipo de programa estratéxico común alén da loita partidaria.

Tamén, sobre todo no ámbito local, cantas veces os nacionalistas de esquerdas apoiaron alcaldes ou presidentes de deputación cun discurso ou cunha praxe afastados da defensa da nación simplesmente por non apoiar un militante do PP por moi galeguista que este fose? Cantas veces na esquerda nacionalista se impuxo a alma esquerdista sobre a nacionalista? Isto obviamente levou a que os nacionalistas do PP, nacionalistas pero non de esquerdas, fosen achegándose á ala centralista do PP galego, co que o discurso deste mudou, non tanto como se pensa, pero mudou. Canto foi perdido co fracaso das negociacións entre Beiras e Fraga!

Non sei se o Partido Popular é un partido nacionalista galego, dende logo boa parte del non o é, pero dende logo non cabe dúbida de que é un partido nacional. O PP galego ten representación moi alta en todos os territorios da Galiza (incluíndo se se quere airredenta), contribuíndo á súa vertebración territorial. Ten forza electoral dende as cidades máis grandes ás aldeas máis pequenas. É ademais a forza predominante nas áreas máis galegófonas, podéndose dicir sen equivocarnos moito que canto maior é a porcentaxe de populación galegofalante, máis porcentaxe de votos ten. Xunto co BNG son as dúas organizacións políticas que operan de forma efectiva con autonomía do resto do Estado.

O BNG porque é unha forza propia do país e o PP galego porque ten a forza suficiente dentro da súa organización como para non aceptar directrices de fora. Dubido moito que as listas galegas do PP sexan decididas cun chío dende Madrid. Máis ben temen os dirixentes do PP español a inxerencia galega que á inversa. Dito isto, cre alguén que a construción dun proxecto autónomo de país podería ser feito sen ter en conta a que é, goste ou non, unha forza política como esta, e sen a cal a realidade da nosa Galiza non podería ser entendida? Non pode haber proxecto nacionalista a serio que non teña en conta esta realidade.

Comentarios